Os dereitos da cidadanía centran os Encontros para a Normalización Lingüística

Valentín García inaugurou hoxe á tarde a XIX edición deste simposio que organiza o Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

As conferencias, mesas redondas, obradoiros e debates dos encontros celebraranse hoxe e mañá

Xov, 20/04/2017 - 18:05
 Os dereitos da cidadanía centran os Encontros para a Normalización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe á tarde no compostelán Pazo de Raxoi, onde se atopa a sede do Consello da Cultura Galega (CCG), os XIX Encontros para a Normalización Lingüística. O simposio, coa temática “Dereitos lingüísticos, unha garantía pendente?”, prolongarase ata mañá ás 19:30 horas.

Valentín García indicou que, coa chegada da democracia, se promulgaron “leis que protexeron amplamente os nosos dereitos lingüísticos, ás veces máis amplamente do que unha parte dos galegos e galegas demandaba para si”. O secretario xeral considerou que, “precisamente, se algún reto queda pendente, é o de facer plenamente conscientes a todos os galegofalantes dos dereitos que teñen e animalos a exercelos”.

García Gómez estivo acompañado na mesa inaugural por Ramón Villares e por Rosario Álvarez, presidente e vicepresidenta, respectivamente, do Consello da Cultura Galega.

Dereitos lingüísticos en distintos ámbitos sociais

Os Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do CCG coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegan á súa XIX edición co ánimo de reflexionar e debater sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía galega. Entre hoxe á tarde e toda a xornada de mañá sucederanse as conferencias, mesas redondas, debates e obradoiros que abordarán esta temática desde diferentes perspectivas e ámbitos.

Ao acto de apertura seguirao unha mesa introdutoria co título xenérico de “Dereitos lingüísticos” na que participarán Paul Bilbao, da plataforma vasca Kontseilua, e Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística. A continuación, presentarase a mostra de recursos que corre paralela á celebración dos Encontros, Artesa. Ás 18:15 horas o debate orientarase ao ámbito da Administración coa conferencia “A normalización lingüística como competencia municipal”, a cargo de Xesús Costas Abreu, do Concello de Vigo, e coa mesa “Recentralización de servizos á cidadanía e lingua”, na que interviñeron Alicia Paula Otero, do Concello de Pontevedra, e mais Margarita Parajó e María del Carmen Pazos, do Concello de Vigo.

As sesións de mañá centraranse nos ámbitos do ensino e da sanidade. Abriranse coa conferencia “Os dereitos lingüísticos como principio de atención á diversidade”, da profesora Mª Monserrat Castro; continuarán cun “Coloquio sobre formación profesional: experiencias educativas e mercado laboral” (coas intervencións de María Carmen Teijido, Carlos Blanco, Manuel Oliveira e Marina Quelle) e rematará a mañá co relatorio de Rosalía Fernández Rial “O potencial da expresión dramática na normalización lingüística”. Pola tarde haberá dous obradoiros impartidos pola propia Rosalía Fernández Rial (“Aulas sen paredes”) e por Carlos Negro (“Versos que desatan a lingua”) e unha mesa redonda sobre o ámbito da sanidade na que intervirán Marta Mariño, do Hospital Álvaro Cunqueiro, e Álvaro Lamas, do Centro de Saúde de Matamá. A sesión pecharase coa música de Xurxo Fernandes e de Pedro Lamas.

Colaboración co Consello a Cultura Galega

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da comisión organizadora dos Encontros para a Normalización Lingüística. Ademais, mantén un marco estable de colaboración co Consello da Cultura Galega en materia de promoción do uso da lingua propia de Galicia desde o 2010 plasmado nun convenio entre ambas as institucións que se renova anualmente.

Menús News node R