Política Lingüística e a EGAP convocan novos cursos de linguaxe administrativa galega

A matrícula para os niveis medio e superior está aberta desde hoxe e ata o 17 de abril

A formación vai destinada ao persoal da Administración autonómica e ofrece 350 prazas en catorce cursos presenciais e en liña

Mér, 12/04/2017 - 12:15

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocan catorce novos cursos de formación en linguaxe administrativa galega media e superior, presenciais e en liña, dirixidos a reforzar a capacitación lingüística do persoal ao servizo da Administración autonómica.

A oferta formativa, que inclúe 350 prazas, está destinada ao persoal público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que accedan á formación continua.

A inscrición, que se xestiona a través da zona de matrícula da EGAP (http://egap.xunta.es/matricula) está aberta ata as 14:00 horas do vindeiro luns 17 de abril. Toda a información pode atoparse no DOG do 7 de abril (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170407/AnuncioO150-310317-0005_gl.html ) e no Portal da Lingua Galega.

Oferta formativa con 350 prazas

A oferta formativa da nova convocatoria inclúe 350 prazas distribuídas en catro cursos que, á súa vez, suman en total catorce edicións ou quendas. Ofrécense cinco cursos medios de linguaxe administrativa galega por teleformación e un na modalidade presencial, así como seis cursos superiores de linguaxe administrativa galega por teleformación e dous de xeito presencial (en Santiago de Compostela).

Todos eles contan con candansúas 25 prazas e desenvolveranse en dúas quendas establecidas do 24 de abril ao 25 de xuño e do 18 de setembro ao 19 de novembro, cun total de 75 horas de formación e cun exame final presencial na sede da Egap que terá lugar os días 3 de xullo e 25 de novembro, respectivamente.

Plan de formación en linguaxes específicas do galego 2017

Esta convocatoria é a primeira de cursos de formación en linguaxe administrativa galega posta en marcha este ano, en colaboración coa Egap, e encádrase no Plan de formación en linguaxes específicas do galego que programou a Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano 2017. Complementarase, no segundo semestre do ano, cunha segunda convocatoria en colaboración coa Egap que lle dará cobertura a 12 novos cursos.

No marco deste plan de formación incluíronse tamén catro cursos de linguaxe xurídica galega en liña e dezaseis cursos de nivel medio e superior de linguaxe administrativa galega convocados desde as escolas de idiomas, dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, nas que tamén prevista convocar unha nova quenda que arrancará no mes de outubro.

Ademais do convenio de colaboración coa Egap, a Secretaría Xeral de Política Lingüística subscribiu outros en materia de formación específica do funcionariado con outras entidades como o Consello Xeral do Poder Xudicial, para a formación de persoal xudicial en Barcelona; a Deputación da Coruña, para a formación de persoal dos concellos desta provincia; e co concello da Coruña para a formación do seu persoal.

Reforzar a capacitación lingüística do funcionariado

Os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega están dirixidos a reforzar a capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo da Administración. A finalidade destes cursos é darlles formación específica aos traballadores e traballadoras públicas na súa lingua de especialidade, o que implica un maior afondamento en aspectos gramaticais e léxicos específicos, así como en cuestións de redacción e estilo a partir do traballo coa documentación administrativa propia de cada nivel, tanto na oralidade coma na escrita.

Con esta formación específica en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca actualizar e formar o persoal para que incremente a competencia técnica nesta lingua, e garantir o emprego dun galego de calidade e dunha linguaxe clara cos administrados/as, a prol dun avance na normalización lingüística do galego desde o ámbito da Administración, tal e como sinala o Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia en 2004.

Menús News node R