Bocaberta percorre 19 concellos cunha programación máxica, musical e artística en galego para os máis novos

Con este programa, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por iniciativas destinadas a dinamizar o uso do idioma nas franxas de idade máis novas

Lun, 21/03/2011 - 19:00
Cartel dunha das actividades de Bocaberta
Cartel dunha das actividades de Bocaberta

A maxia das palabras e da música en galego centran a oferta de Bocaberta para esta semana. Este programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que busca dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos, visitará nos próximos días un total de 19 concellos para ofrecerlles aos máis novos actividades adaptadas aos seus intereses.

A Merca, Xunqueira de Ambía, Arteixo, Curtis, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Rodeiro, Rairiz de Veiga, Sandiás, Betanzos, Vilanova de Arousa, Ourense, Carballo, Vila de Cruces, Melide, Lugo, Santiago de Compostela, Cangas e Foz reciben esta semana actividades de Bocaberta, un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística anima os rapaces e as rapazas dos 3 aos 18 anos a empregar o galego con naturalidade.

Unha semana máxica

A semana de Bocaberta será, por unha banda, máxica, grazas aos trucos do prestidixitador Carlos Coira e á actividade Abrapalabra, que visita hoxe A Merca e Xunqueira de Ambía, mañá estará en Baños de Molgas e Vilar de Barrio, e o mércores chegará ata Rairiz de Veiga e Sandiás. Na maxia tamén se basea a actividade Atrapado na torre. O espectáculo de Chrystian Magic estará o venres en Vilanova de Arousa e o sábado visitará os concellos de Vila de Cruces e Melide.

Por outra banda, a palabra nas súas diversas manifestacións é o centro de atención doutra das actividades propostas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os próximos días. Palabras no ar combinará obradoiros de deseño, creación literaria e radio desde hoxe ata o xoves en Arteixo.

O mundo do cómic tamén terá cabida esta semana na programación de Bocaberta da man de Anxo Fariña, que porá a disposición dos mozos e mozas todos os trucos creativos da banda deseñada. A súa actividade, Ti creas a historia, está hoxe en Curtis e mañá visitará Rodeiro.

Propostas musicais para pequenos e adolescentes na fin de semana

As propostas musicais de Bocaberta enchen a fin de semana con actividades para nenos e para adolescentes. A estes últimos vai destinada Detrás da canción, unha combinación de obradoiro de música electrónica caseira e de concerto acústico que protagonizan, respectivamente, os integrantes dos grupos Projecto Mourente e The Homens. As dúas bandas estarán o venres en Betanzos, o sábado en Carballo e o domingo en Foz.

Para os máis pequenos, a oferta tamén é ampla contra o final da semana. Ola, ola, la!, o exitoso musical do grupo Mamá Cabra, ofrecerá diversos obradoiros (o venres en Ourense e o sábado en Santiago de Compostela) e concertos (o sábado en Lugo). Mentres, o curso de música tradicional e xogos lingüísticos para nenos e nenas que imparten Olga Kirk e Pablo Díaz, denominado Canta música!, ten unha dobre cita o sábado: pola mañá estará en Santiago de Compostela e pola tarde, en Cangas.

Máis información na rede

Para máis información de horarios e localizacións, o programa conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta. Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, puxéronse en funcionamento canles de Bocaberta nas principais redes sociais da internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Bocaberta visitará todos os concellos de Galicia

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as novas tecnoloxías centran as actividades de programa de dinamización lingüística.

Menús News node R