Educación fixa os criterios para declarar titulacións singulares no Sistema Universitario de Galicia

A Consellería publica no DOG os requisitos que deberán reunir estes títulos, que quedarán exentos do cumprimento do número mínimo de alumnos necesarios para o mantemento dos graos

A resolución enmárcase nos traballos entre Xunta e tres universidades para elaborar o novo mapa de titulacións do SUG

Xov, 30/03/2017 - 10:55

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, acaba de fixar os criterios para determinar e declarar titulacións de grao singulares no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Na resolución, publicada hoxe en DOG (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170330/AnuncioG0164-210317-0001_gl.html), explícase que se considerará singular aquel título de grao que “polas súas concretas características, resulte esencial e indispensable para a oferta global do sistema e para a formación universitaria da comunidade autónoma”.

En concreto, os requisitos que determinarán o carácter singular dunha titulación (deberá reunir polo menos un destes criterios) son os seguintes: ser imprescindible para a formación dos recursos humanos especializados que permitan dar cobertura ás necesidades do sistema educativo non universitario da comunidade autónoma, ter unha estrita vinculación coa especialización do campus no que se imparte e constituír unha parte esencial das liñas estratéxicas desa especialización, os estudos da lingua galega; ou estar directamente vinculados aos sectores considerados estratéxicos pola Xunta de Galicia.

Cómpre destacar que esta resolución se enmarca nos traballos que a Consellería de Educación e as tres universidades galegas están desenvolvendo para elaborar o novo mapa de titulacións do SUG. De feito, no acordo asinado o pasado día 20 de marzo xa figuraba o recoñecemento de titulacións singulares como un dos principios reitores que rexerá a configuración da nova oferta académica.

Neste contexto de declaración de títulos singulares, pártese do marco determinado polo Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da comunidade autónoma de Galicia, no que se fixaba, entre outros aspectos, o número mínimo de estudantes de novo ingreso que deben ter os graos para o seu mantemento futuro (50 alumnos para os campus centrais e 45 para os periféricos).

Singular con independencia do alumnado

No caso de que a media do número de alumnos de novo ingreso durante tres cursos consecutivos fose inferior aos mínimos esixidos, determinarase a necesidade de aprobación dun plan de viabilidade. Tendo en conta esta circunstancia, a resolución recolle que a universidade poderá solicitar a declaración de singularidade dunha titulación cando se chegue ao suposto anteriormente exposto.

Ademais, os títulos declarados singulares, cuxo recoñecemento emitirá a Secretaría Xeral de Universidade e publicarase en DOG, quedarán exentos do cumprimento do numero mínimo de alumnos necesarios para o mantemento dos graos. En todo caso, si se lles aplicará o resto do articulado no Decreto 222/2011, posto que o obxectivo último é promover a adaptación da oferta aos novos retos e necesidades da sociedade.