A Xunta congratúlase do nomeamento de Víctor F. Freixanes como novo presidente da RAG

O académico da lingua galega foi elixido hoxe á tarde para presidir a institución durante os vindeiros catro anos

Mar, 28/03/2017 - 20:50

A Xunta de Galicia congratúlase do nomeamento de Víctor F. Freixanes como novo presidente da Real Academia Galega (RAG). O plenario da institución, reunido hoxe á tarde na sede coruñesa de Tabernas, elixiuno como sucesor do profesor Alonso Montero para os vindeiros catro anos. 

É vontade da Xunta de Galicia renovar coa RAG unha relación institucional fluída e efectiva nas tarefas de defensa e promoción da lingua e cultura propias de Galicia, tal e como foi posible durante toda a presidencia de Xesús Alonso Montero. Con toda certeza este funcionamento útil e efectivo ha seguir incrementándose no transcurso do novo período que coa presidencia de Víctor F. Freixanes inicia hoxe unha das institucións galegas máis senlleiras e prestixiosas do noso país.