La Rioja interésase polo modelo de FP en Galicia, un referente de calidade e alta cualificación

Román Rodríguez acompañou ao conselleiro de Educación, Formación e Emprego, Alberto Galiano, na visita ao CIFP Politécnico de Santiago, onde mantiveron unha reunión de traballo para fondar nos aspectos técnicos e xurídicos do desenvolvemento da Formación Profesional en Galicia

A delegación rioxana tamén se desprazou ao CIFP Compostela, referente nas ensinanzas de Hostalaría e Turismo

Mar, 28/03/2017 - 15:15
La Rioja interésase polo modelo de FP en Galicia, un referente de calidade e alta cualificación

O modelo de Formación Profesional implantado en Galicia é un referente a nivel estatal, o que fai que outras CCAA do Estado se interesen por coñecer o seu funcionamento así como a planificación levada a cabo polo Goberno da Xunta neste eido. Este foi precisamente o obxectivo da visita esta mañá do conselleiro de Educación, Formación e Emprego de La Rioja, Alberto Galiano, que veu a coñecer de primeira man o traballo que se está desenvolvendo nos centros de FP en Galicia. En concreto, a delegación rioxana visitou o CIFP Politécnico de Santiago e mais o CIFP Compostela, dous referentes na capital galega nestas ensinanzas, así como as instalacións do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).

O conselleiro Román Rodríguez acompañou ao seu homólogo de La Rioja no percorrido polo CIFP Politécnico, onde visitaron entre outros, o viveiro de empresa, o laboratorio de ensaios clínicos, o fogar dixital, a aula de eficiencia enerxética Schneider e os talleres de carpintaría, entre outros. A visita concluíu cunha reunión de traballo entre ambas delegacións, para afondar nos aspectos formais, técnicos e xurídicos do desenvolvemento da estratexia galega de FP e a súa implementación.

Cómpre sinalar que o Politécnico, o centro especializado en FP con máis alumnos de Santiago – máis de 1400- oferta todos os ciclos da familia profesional de Electricidade e electrónica e case todos os das familias de Madeira, moble e cortiza e Química.

A delegación rioxana trasladouse posteriormente ao CIFP Compostela, un centro con case 1200 estudantes que é un dos máximos expoñentes nas ensinanzas da familia de Hostalaría e Turismo e un dos oito centros especializados que integran a Rede Galega de Hostalaría creada en 2014.

Cómpre sinalar que en ambos os dous centros se veñen de realizar obras, na fachada no caso do Politécnico, nas cociñas no do CIFP Compostela, que supuxeron un investimento total de máis de 780.000 euros.

O conselleiro rioxano estivo acompañado na visita pola súa secretaria xeral técnica, Beatriz Ramírez; polo seu director xeral de Educación, Miguel Ángel Fernández; e pola súa directora xeral de Emprego, Cristina Salinas. Pola Consellería galega asistiron o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, FP e innovación educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez Fernández.

Tecnificación e emprego

A día de hoxe cursan estudos de FP en Galicia máis de 50.300 alumnos, o que supón duplicar o número de matriculados do ano 2008, que da boa conta da alta demanda destes estudos que se caracterizan sobre todo por unha formación innovadora e de calidade, polas oportunidades de emprego que xeran (o último estudo e inserción laboral constata que 8 de cada 10 titulados no curso 2013/14 teñen emprego) e pola tecnificación dos sectores produtivos.

Precisamente co obxectivo de seguir avanzando nunha maior calidade destas ensinanzas e alta cualificación dos seus titulados, a Consellería de Cultura e Educación está elaborando a Nova Estratexia da FP en Galicia para a vindeira década, que será a folla de ruta a seguir, e na que se buscará a implicación do tecido socio-económico.

Nesta liña, unha das modalidades a impulsar é a FP Dual, que afonda na cualificación profesional das persoas a través da alternancia da actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa nun centro educativo. Desde a súa implantación experimental no curso 2012/13, xa hai en marcha 44 proxectos de grao medio e superior e 78 empresas participantes.