Galicia pide currículos flexibles e acreditar as competencias de alumnos con necesidades específicas

O conselleiro Educación intervén no Senado co fin de achegar o traballo realizado desde a comunidade durante os últimos anos en materia educativa

Román Rodríguez lembra a aposta decidida da Xunta pola introdución das TIC nas aulas, o ensino plurilingüe, a Formación Profesional, o reforzo á función docente, así como por construír unha universidade adaptada ás necesidades da sociedade

Lun, 27/03/2017 - 14:55
Galicia pide currículos flexibles e acreditar as competencias de alumnos con necesidades específicas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avogou hoxe por introducir –dentro dos traballos para elaborar o Pacto de estado social e político pola Educación– itinerarios ou currículos flexibles para alumnos con maiores necesidades educativas ou situacións socio familiares complexas, co fin de favorecer a súa permanencia e progresión no sistema. Ao mesmo tempo, solicitou unha certificación que acredite as competencias e saberes deste alumnado. Así o expuxo durante a súa intervención no Senado diante da Comisión General de las Comunidades Autónomas, que abriu o ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo y Montojo e que contou coa participación de todos os conselleiros do ramo das comunidades autónomas.

Tal e como manifestou Román Rodríguez, “un sistema educativo non pode considerarse completo e exitoso se non é inclusivo”. Así mesmo, e segundo indicou, un dos obxectivos compartidos debería pasar por lograr que, ata os 18 anos, non se marchase ningún alumno dos centros educativos e, a maiores, que os titulados na formación básica obrigatoria se acerquen ao 100%.

Na súa intervención, e explicando a propia experiencia de Galicia, o titular do departamento educativo do Goberno galego, solicitou seguir promovendo as novas tecnoloxías e as destrezas científico-tecnolóxicas nas aulas; así como estendendo o ensino plurilingüe, un modelo que no sistema galego se pretende ampliar agora a todas as etapas educativas.

O obxectivo, en palabras de Román Rodríguez, é adaptar o sistema aos cambios sociais e tecnolóxicos que se producen no actual mundo globalizado. “Se o gran reto é dar resposta ás necesidades futuras do noso país, contamos con dous recursos de primeiro nivel para facilitar este escenario: a Formación Profesional e as Universidades”, remarcou.

Pacto pola FP Dual

No primeiro caso -e ademais de recordar que a FP galega hoxe significa dinamismo, innovación, alta cualificación e adaptabilidade ao tecido socioprodutivo local-, apostou por reforzar a FP Dual a través dun gran pacto entre todos os axentes implicados para impulsala e situala aos niveis de países como Alemaña ou Austria.

Pola súa banda, no ámbito universitario fixo fincapé no traballo que está desenvolvendo a Consellería, en conxunto coas tres universidades galegas, para artellar a Universidade do século XXI, tanto desde o punto de vista do financiamento, da estratexia de especialización dos campus ou do novo mapa de titulacións que se está elaborando para mellorar a oferta do sistema. Este último, “un proceso pioneiro no ámbito español”, salientou.

Recoñecemento social e profesional do profesorado

Por último, o conselleiro considerou necesario e fundamental situar a profesión docente no centro do debate para a consecución do Pacto nacional pola Educación. Tal e como trasladou, é preciso “articular mecanismos coordinados para prestixiar a formación dos docentes”, actuando en dous ámbitos ao mesmo tempo. Por unha banda, actualizando e adaptando a súa formación ás competencias actuais –un contexto no que se enmarca o traballo que está desenvolvendo a Consellería en colaboración coas facultades de Formación do Profesorado– e, por outro lado, mellorando os requisitos de acceso á profesión docente.

Colaboración leal desde a óptica territorial

Román Rodríguez animou a todos os conselleiros do ramo a achegar, desde a colaboración leal e respectuosa, medidas construtivas de cara ao Pacto co fin de fixar un sistema estable, avalado hoxe en día pola mellora progresiva nos estándares de calidade e equidade. “Temos ante nós unha oportunidade histórica. O noso deber e responsabilidade é aproveitala e sumar, desde a nosa óptica territorial e desde a nosa experiencia, para configurar tamén un sistema adaptado á nosa contorna e á nosa cultura”, concluíu.