Educación investirá preto de 350.000 euros nas obras de reparación do CEIP Almirante Juan de Lángara, en Ferrol

Xesús Vázquez Abad anunciou que dada a amplitude das obras e para non interferir no día a día dos escolares serán realizadas en tres fases

Ven, 18/03/2011 - 11:18
Reparación do CEIP Almirante Juan de Lángara, en Ferrol
Educación investirá preto de 350.000 euros nas obras de reparación do CEIP Almirante Juan de Lángara, en Ferrol

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe as obras de reparación no CEIP Almirante Juan de Lángara, de Ferrol, que visitou acompañado pola directora do centro, Esperanza María Díaz González e parte do equipo docente do centro.

Vázquez Abad anunciou que “neste centro vaise facer unha importante inversión, de 349.772 euros, nas obras de reparación de carpintería e instalación eléctrica”, ao que engadiu que “estas melloras serán desenvolvidas por fases co obxectivo de non entorpecer o desenvolvemento das clases e garantir a seguridade do estudantes do centro. Por este motivo as accións terán lugar fora dos horarios lectivos de estudantes e persoal do centro”.

Estas obras afectaran a cambios na carpintería, a mellora de fiestras e a adaptación do sistema eléctrico do centro á normativa actual. Ademais tamén se realizará a mellora das fachadas dos patios do centro educativo. Todo isto co obxectivo de adaptar esta edificación dos anos sesenta aos tempos actuais proporcionando una maior confort aos seus usuarios ao tempo que se obterá un importante aforro enerxético.

Primeira fase

Deste xeito ao longo deste ano investíranse 117.772 euros nas obras de mellora, e xa esta en fase de execución e próxima execución a substitución da carpintería exterior, - comezando pola facha norte. Asemade xa esta en tramitación a obra da instalación eléctrica actual, que dada a súa antigüidade conta con pouca potencia, dando moitos erros por sobrecarga e polo tanto este ano comezara a realizarse a adecuación á normativa actual.

Dada a complexidade da obra, e o seu alto presuposto nunha época de crise, esta obra está preparada para ser levada en dúas fases máis. Así en 2012 investíranse outros 116.000 euros para continuar coa carpintería e a fachada de capela, así como para rematar coa instalación eléctrica. O mesmo orzamento está disposto para que en 2013 remate a obra de carpintería e sexan reparadas as fachadas dos patios.

De todas estas obras de mellora se beneficiaran os 71 estudantes de educación infantil, e os 150 de primaria, que estudan nun centro que ata o 2007 pertencía á Mariña e que dende entón leva percibidos máis de dous mil euros da Consellería para fomentar a biblioteca escolar.

Ao longo do percorrido Vázquez Abad, interesouse polas necesidades particulares do centro e polos intereses da súa comunidade educativa. Asemade estivo acompañado polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira: o delegado da Xunta en A Coruña, Diego Calvo; e pola xefa territorial de Educación da provincia, María Teresa Villaverde.