A Consellería de Educación asiste á entrega de premios do concurso de cociña do IES Fragas do Eume

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa destacou a calidade dos formados na FP galega

Xov, 17/03/2011 - 14:15

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, asistiu hoxe ao XII concurso de Cociña e Coctelería ‘José Rodríguez-Moldes Rey’, celebrado no IES Fraga do Eume, en Pontedeume.

No certame o director xeral destacou a importancia da formación no sector da hostalería, que “deberá ir acompañado do esforzo permanente da parte humana da empresa, do mantemento das actividades de mellora continua e da orientación das enerxías á busca da satisfacción do cliente”.

Así explicou que “o obxectivo dos centros de Formación Profesional é facer posible que o alumno adquira as capacidades necesarias para unha integración satisfactoria no mundo laboral, nun ámbito, neste caso, tan especial, comprometido e humano como o da Restauración”.

“O obxectivo da Administración Autonómica - engadiu- é intentar transformar a hostalería nun sector moderno, socialmente responsable e solidario, con empresas ben xestionadas, e con profesionais ben formados. Un sector, en suma, que coloque a Galicia na primeira liña no ámbito nacional”.

Finalmente o director xeral de Educación felicitou aos organizadores e participantes no concurso, “un privilexiado escaparate para darmos a coñecer e ofrecer a medida do gran potencial que atesouran os profesionais cos que contamos na nosa Comunidade Autónoma”.

Dobre certame

Un total de dez centros de formación profesional participan neste certame, que chega este ano á súa duodécima edición, facendo homenaxe a Rodríguez-Moldes Rey, antigo profesor no centro. En parellas ou de forma individual, elaboraron pratos e cócteles estudantes das 4 provincias galegas. Así, a provincia da Coruña estivo representada polos IES Paseo das Pontes, Compostela, o propio Fraga do Eume e pola Escola de Ensinanzas Elementais da Escola Naval da Graña (ESENGRA); mentres que pola de Lugo asistiron os IES de Foz, Sanxillao e o CPR Belarmino Fernández Iglesias, de Sober. A provincia de Pontevedra contou coa participación dos IES Carlos Oroza e Manuel Antonio; e Ourense co do IES de Vilamarín.

No caso do concurso de cociña, os participantes realizaron os pratos en parellas, preparando unha elaboración tradicional de pescada á romana, e unha creativa a base de lombo de porco celta. O certame de elaboración de cócteles tivo carácter individual, e nel valorouse a destreza e técnica dos participantes a partir dun receitario internacional de coctelería.

As elaboracións foron sometidas á degustación do xurado, composto por un tribunal gastronómico do que formaron parte un xornalista e crítico gastronómico, un representante da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrolterra, un responsable de empresa dedicada a distribución de produtos para hostalería, un profesor de cociña ex-alumno do IES Fraga do Eume, o xefe de cociña dun restaurante de recoñecido prestixio e un profesor de cociña e pastalaría. Doutra banda, conformaron o tribunal técnico dous cociñeiros profesionais de acreditada experiencia.

Como recoñecemento ao seu traballo os premiados recibiron un trofeo e un diploma, así como unha dotación económica, e material bibliográfico relacionado co mundo da gastronomía.

Coa participación neste certame a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presta o seu apoio a iniciativas de desenvolvemento das capacidades do alumando de Formación Profesional galego, cuxa calidade está a ser recoñecida nestes certames, así como na alta empregabilidade da que gozan estes titulados.

RESULTADOS DO XII CONCURSO DE COCIÑA E COCTELARÍA "JOSÉ RODRÍGUEZ MOLDES REY":

1º PREMIO DE COCIÑA:JAIME YÁÑEZ GARCÍA E ISMAEL LUACES BOUZA - ESENGRA

2º PREMIO DE COCIÑA: FERNANDO GARCÍA PÉREZ Y GEMA PÉREZ MÍGUEZ - IES DE FOZ

1º PREMIO DE COCTELERÍA: PABLO DONIS COCIÑA - IES DE FOZ

2º PREMIO DE COCTELERÍA:JAVIER VILLAR MARTÍNEZ - IES MANUEL ANTONIO

PREMIO DO CONCURSO DE CARTEIS: VÍCTOR PICO GARCÍA