O premio San Clemente Rosalía-Abanca traerá á capital galega a Quiroga, Mesa e Lemaitre
A XXII edición deste galardón no que a literatura escrita en galego dialoga con outra punteira a nivel internacional presentárona hoxe o secretario xeral de Política Lingüística e o director do IES compostelán Rosalía de Castro
O acto de entrega celebrarase no Auditorio Abanca o 21 de marzo
Mér, 15/03/2017 - 18:17
O premio San Clemente Rosalía-Abanca traerá á capital galega a Quiroga, Mesa e Lemaitre
O premio San Clemente Rosalía-Abanca traerá á capital galega a Quiroga, Mesa e Lemaitre

O Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente Rosalía-Abanca traerá ata a capital galega o vindeiro 21 de marzo a Xavier Quiroga, Sara Mesa e Pierre Lemaitre, gañadores da XXII edición deste galardón que promove a compostelá Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais con Abanca. Así o deron a coñecer esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda.

García Gómez incidiu en que “a iniciativa contribúe a prestixiar a lingua e a literatura galegas e a proxectalas e posicionalas ao pé doutras literaturas, obras e autores de primeiro nivel internacional”. García e Rueda estiveron acompañados polo profesor Xabier Mouriño, secretario do centro escolar.

Novidades no certame

Na edición XXII do Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, o Premio en Lingua Galega recaeu en Xavier Quiroga, pola obra ‘Izan o da saca’ (Ed. Xerais); o Premio en Lingua Castelá en Sara Mesa, pola obra ‘Cicatriz’ (Ed. Anagrama); e o Premio en Lingua Estranxeira en Pierre Lemaitre, pola obra ‘Irène’ (Ed. Alfaguara).

O galardón alcanza desta volta unha dimensión internacional e aos cinco institutos galegos que participan no xurado súmanse outros seis estranxeiros, co que a nómina de centros participantes queda como segue: Hockerill Anglo European College de Londres (Inglaterra), Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), Grimmelshausen Gymnasyum de Gelnhausen (Alemaña), Escola Secundaria de Santa Comba Dão (Portugal), Napperville Central High School de Chicago (EUA), Colegio nº 1558 Rosalía de Castro De Moscú (Rusia), IES de Ames (A Coruña), IES A Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo), IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, IES O Couto de Ourense e IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

A iniciativa ábrese tamén á participación de toda a cidadanía da capital de Galicia sen deixar de ter as súas raíces no Instituto Rosalía de Castro. Nesta edición o acto de entrega realizarase o día 21 de marzo no auditorio de Abanca, unha capacidade que permitirá incrementar a asistencia de público de edicións anteriores. Todos os outros actos, debates cos escritores, roldas de prensa etc., realizaranse no centro de ensino compostelán.

Unha iniciativa da comunidade educativa

Os Premios Arcebispo Juan de San Clemente naceron dunha iniciativa do director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, e de dous profesores de matemáticas, Francisco López Piñeiro e Maribel Marín; con tres modalidades – Lingua Galega, Castelá e Estranxeira- e cun xurado conformado por alumnos do propio IES e de outros cinco institutos galegos escollidos cada edición por sorteo.

Ademais do que o certame supón no referido ao estímulo do hábito lector entre os estudantes, o éxito do Premio ofrécelle ao alumnado que conforma o xurado a oportunidade de compartir unha xornada cos autores galardoados que, ano tras ano, acoden a Santiago de Compostela a recoller este recoñecemento. Nestas dúas décadas de historia o galardón colleitou unha excelente acollida entre os autores, algúns deles premios Nobel, como Mario Vargas Llosa ou José Saramago.

Toda a información en http://www.premiosanclemente.es/.