O CEIP de Laredo e a ESAD realizan as exposicións máis orixinais sobre Lois Pereiro

Os dous centros educativos son os gañadores do concurso que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística con motivo do Día das Letras Galegas

Xov, 17/03/2011 - 13:11

Os traballos presentados polo CEIP de Laredo de Chapela, en Redondela, e pola Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD), de Vigo, resultaron os gañadores deste ano do concurso-exposición que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística con motivo do Día das Letras Galegas.

O traballo presentado polo CEIP de Laredo foi o seleccionado na categoría de educación infantil e primaria, mentres que o proxecto mellor valorado na categoría de resto de centros foi o da ESAD. Ambas as exposicións, que están conformadas por un total de quince carteis, teñen como eixe temático a figura e a obra de Lois Pereiro, tratadas desde unha perspectiva multidisciplinar. Ademais, contan cunha guía didáctica explicativa, que fomenta o achegamento do alumnado ao escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

As exposicións gañadoras distribuiranse por diversos países

Os grupos de traballo que elaboraron as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por un importe de 4.000 euros. Ademais, os dous traballos premiados serán imprimidos e distribuídos en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, nos que se inclúen centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.

Favorecer o coñecemento da obra de Lois Pereiro entre o alumnado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística quere sumarse á conmemoración do Día das Letras Galegas 2011 a través deste concurso-exposición que está dirixido a todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Con esta iniciativa, a secretaría xeral pretende impulsar o estudo da obra de Lois Pereiro, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto en que viviu, favorecer a realización de actividades que fomenten a colaboración interdepartamental e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para outros.

Menús News node R