Castela e León interésase polo modelo de investigación universitaria de excelencia de Galicia

O conselleiro de Educación acompañou ao seu homólogo da Junta na visita ao CIMUS, da Universidade de Santiago, que é un dos cinco centros de investigación singulares do Sistema Universitario de Galicia

A comunidade quere coñecer de preto o apoio e impulso da Xunta de Galicia ao sistema de I+D+i, sustentado tanto no respaldo á formación e captación de talento, como na potenciación de grupos e grandes estruturas científicas

Mar, 14/03/2017 - 15:59
Castela e León interésase polo modelo de investigación universitaria de excelencia de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou hoxe ao seu homólogo de Castela e León, Fernando Rey, nun percorrido polo CIMUS, Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, da Universidade de Santiago (USC). Esta visita, na que tamén estivo presente o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, responde ao interese desta comunidade autónoma polo sistema de investigación universitaria co que conta Galicia, sustentando no impulso á excelencia e á internacionalización desde as grandes estruturas científicas, como é o CIMUS.

Ademais, no percorrido polo centro tamén estiveron presentes a vicerreitora de Investigación de Innovación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes; Rubén Nogueira e Miguel Pérez, dous Starting Grant que traballan neste centro de investigación; e Mabel Loza, coordinadora do grupo de investigación BioFarma.

En concreto, a Consellería de Educación leva traballando nos últimos anos por construír un modelo de investigación universitaria diferenciado, singular e internacional; un modelo cuxa consolidación constitúe un reto fundamental para os próximos anos. Deste xeito, cómpre destacar que o apoio do departamento educativo da Xunta de Galicia á investigación xurdida no Sistema Universitario de Galicia (SUG) baséase en tres piares totalmente definidos.

En primeiro lugar, o respaldo á formación e retención do talento, a través dos contratos predoutorais, posdoutorais, de estabilización e mediante o apoio a científicos excelentes dos programas do Consello Europeo de Investigación ou do propio Ministerio. No segundo nivel da pirámide da investigación universitaria atópanse os grupos e, finalmente, no cumio, as estruturas supragrupais do sistema: as agrupacións estratéxicas e os centros singulares.

Consolidación dos centros de referencia

Neste contexto, cómpre lembrar que, pese á crise, Galicia foi unha das poucas comunidades en manter as convocatorias de apoio á formación de recursos humanos e aos grupos de investigación. Ademais, abriuse unha nova liña de respaldo financeiro para as grandes estruturas, cuxo traballo acaba de ser impulsado e garantido a longo prazo. Neste sentido, o pasado decembro resolveuse a convocatoria pola que se recoñecían cinco centros de investigación singulares e dúas agrupacións estratéxicas consolidadas.

Os sete, entre os que se atopa precisamente o CIMUS, son actualmente as mellores unidades de referencia do SUG, e representan a excelencia do modelo de investigación universitario galego. Co fin de recoñecer o importante esforzo realizado por estes entes, así como para impulsar e fortalecer a súa capacidade científica no eido internacional, a Consellería acaba de mobilizar máis de 13 millóns de euros ata 2019, que beneficiarán aos máis de 700 científicos que traballan neles, posto que gozarán de estabilidade financeira e dun escenario propicio para impulsar o traballo nas súas respectivas áreas.

En concreto, e a maiores do CIMUS, os centros de investigación singulares son o CITIC (Universidade da Coruña); o CIQUS (da Universidade de Santiago de Compostela); e, pola Universidade de Vigo, o CINBIO e o ECIMAT. A denominación de agrupacións estratéxicas consolidadas recíbenas o CITIUS (USC) e o AtlantTIC, da UVigo.

Estas sete unidades de referencia realizan un importante traballo científico, tanto a nivel de xestión como de resultados. De feito, cómpre destacar a súa alta capacidade de captación de proxectos de investigación –máis de 63 millóns de euros no trienio 2013-2015– e a aposta pola transferencia de resultados, dado que as diferentes investigacións destes centros xeraron preto de 28 millóns de euros á sociedade, o que redunda, en definitiva, no benestar xeral da cidadanía.