O plan de potenciación das linguas estranxeiras axudou xa a mellorar as competencias lingüísticas de máis de 29.000 galegos

No seu primeiro ano de aplicación a Consellería creou os 58 primeiros centros plurilingües, que o vindeiro curso chegarán a 100

Mér, 16/03/2011 - 13:12
O plan de potenciación das linguas estranxeiras axudou xa a mellorar as competen
O plan de potenciación das linguas estranxeiras axudou xa a mellorar as competencias lingüísticas de máis de 29.000 galegos

Máis de 29.000 galegas e galegos están a mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras ao abeiro das medidas impulsadas no marco do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Así o explicaron o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, que presentaron hoxe os resultados de balance do primeiro curso no que se implanta o devandito proxecto como ferramenta do desenvolvemento da cidadanía galega no contexto actual do mundo globalizado. O obxectivo é que ao final da lexislatura 40.000 persoas en Galicia teñan participado deste proxecto.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou o éxito da convocatoria da nova rede de centros plurilingües de Galicia, dos que en setembro de 2010 se crearon os 58 primeiros, superando a previsión inicial de 40. Ademais destacou o importante fito acadado no que vai de lexislatura nas seccións bilingües, que se duplicaron – ata chegar ás 1.519 actuais- respecto das creadas no período 1999-2008.

Respecto do alumnado implicado nestas iniciativas, son 26.386 os estudantes beneficiados neste curso polas seccións bilingües, que se suman aos outros 2.525 e aos 87 profesores que participan a diario “nunha iniciativa que introduce de forma estruturada a lingua estranxeira escollida no centro educativo, curso a curso, o que supón un valor engadido sobre as repercusións xa máis que positivas das seccións bilingües”, resaltou Vázquez Abad.

Ademais o conselleiro explicou que a previsión para o vindeiro curso é de incrementar ata 100 o número de centros participantes da rede plurilingüe, e ata 1.600 as seccións bilingües. Ademais manterase nelas o apoio dos auxiliares de conversa, que neste curso multiplicaron por seis os existentes a inicio de lexislatura nas seccións, pasando de 36 a 231. En total, e sumando os 31 que desenvolven o seu labor nas Escolas Oficiais de Idiomas, este curso prestan a súa axuda 262 auxiliares.

Itinerarios formativos para o profesorado

O conselleiro de Educación fixo fincapé na importancia do papel xogado polo profesorado de Galicia no éxito do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras. “Para dar o necesario impulso ás seccións e aos centros plurilingües -explicou- é necesario dispor de profesorado coa suficiente competencias lingüísticas en idiomas”. Neste sentido a Consellería vén de regulamentar o itinerario formativo dos docentes en Galicia, que se desenvolverá tanto nos institutos como nas Escolas Oficiais de Idiomas, e que conducirán á pertinente acreditación dos niveis do Marco Europeo de Referencia.

Esta formación nas aulas verase complementada con estadías no estranxeiro ou con experiencias nos coñecidos como ‘vilas inglesas’, dentro de España, estadías nas que participarán 370 docentes nos próximos meses de xullo e agosto. Como novidade este ano alongaranse de 3 a 4 semanas a estadía no estranxeiro de 50 destes profesores, nunha aposta pola calidade e o máximo aproveitamento desta experiencia.

Estadías formativas

Vázquez Abad presentou ademais as iniciativas da Consellería de Educación para que o alumnado de 6º de Primaria, ESO e Bacharelato mellore as súas competencias en linguas estranxeiras durante o próximo verán. Así 3.730 estudantes poderán participar en estadías formativas, tanto en ‘vilas inglesas’ en Galicia, como no estranxeiro, en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. “Isto supón que un 40% máis de estudantes que a inicio da lexislatura terá a oportunidade de optar a unha destas experiencias”.

Este ano, o programa de estadías contempla por primeira vez 45 prazas para que estudantes de FP de grao superior que teñan un módulo profesional de lingua estranxeira no currículo do seu ciclo poidan realizar estadías de 3 semanas no estranxeiro. "Ademais repetirase - explicou o conselleiro- unha experiencia especialmente enriquecedora que se puxo en marcha a principios do presente curso. Estamos a falar da integración dun grupo de 20 estudantes durante 4 semanas a principios de curso no sistema educativo canadense, compartindo aulas cos seus alumnos e profesores".

Mellora das Escolas Oficiais de Idiomas

O Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras estende as súas accións ao conxunto da cidadanía galega, a través da oferta formativa das Escolas Oficiais de Idiomas e as súas seccións. De conformidade con este labor, estes centros atenden este curso a un 22’8% más de cidadáns nas ensinanzas ordinarias dos que asistían ás súas actividades no curso 2008/2009.

Doutra banda a Consellería está a impulsar a formación de profesionais dos diferentes sectores – comercio, turismo, audiovisual e mariño- ao multiplicar por 8 o número de cursos de linguas dirixidos a estes colectivos. Ademais desde 2009 duplicáronse os cursos de formación do profesorado en linguas; e incrementáronse os de galego – tanto para obter o CELGA como de linguaxe administrativa- en máis dun 67%

O conselleiro de Educación amosouse satisfeito polos resultados acadados no primeiro curso de aplicación deste plan, que demostran que “con traballo e, sobre todo, cunha boa xestión, é posible obter bos resultados”, malia os condicionamentos impostos pola crise económica.

Neste camiño Vázquez Abad comprometeuse a seguir a traballar para que, coa mellora do seu coñecemento de idiomas “as galegas e os galegos poidan ter unha presenza en igualdade de condicións no escenario actual dun mundo sen fronteiras”.

Declaracións de Xésús Vázquez (1)

Declaracións de Xésús Vázquez (2)