Bocaberta entra no seu quinto mes de programación cunha axenda repleta de actividades en galego para os máis novos

O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística visita esta semana 19 concellos con diversas iniciativas para dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos

Mar, 15/03/2011 - 14:25
Cartel dunha das actividades de Bocaberta
Cartel dunha das actividades de Bocaberta

Bocaberta leva estes días múltiples actividades de dinamización lingüística polas catro provincias galegas cando se cumpren cinco meses da súa programación de 2010-2011. Esta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que busca fomentar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos, visita esta semana os municipios de Carballedo, Pantón, Arteixo, Fisterra, Val do Dubra, A Pobra do Brollón, O Pino, Sober, Negreira, Ribas de Sil, Castro Caldelas, Vimianzo, Viana do Bolo, A Pobra de Trives, Dodro, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Santa Comba cunha programación chea de maxia, música, cómic e radio en galego.

Unha das actividades que volve esta semana á programación de Bocaberta é Detrás da canción. Protagonizada polos integrantes dos grupos de pop Projecto Mourente e The Homens, propón aprender nunha tarde como se poden facer cancións co material informático que temos na casa e gozar finalmente dun concerto acústico. Detrás da canción, que vai dirixida a adolescentes dos 12 aos 18 anos, estará o venres na Coruña, o sábado en Vimianzo e o domingo en Santa Comba.

Para os máis pequenos tamén haberá divertidas propostas musicais. É o caso de Ola, ola, la!, o prestixioso musical que pon en escena o grupo Mamá Cabra. As cancións infantís teste conxunto poderán escoitarse no Auditorio Municipal de Ourense o venres e no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado e o domingo.

A maxia da lingua

A maxia de Abrapalabra, un espectáculo co mago Carlos Coira dirixido aos nenos e nenas de 3 a 11 anos, percorre diversas localidades esta semana. Onte visitou Carballedo e Pantón o luns. Hoxe foi a quenda da Pobra do Brollón e de Sober o martes e mañá realizará novas paradas en Ribas de Sil e Castro Caldelas. Contos de maxia, outra proposta relacionada cos trucos e co ilusionismo para os rapaces e rapazas de 9 a 14 anos, visitou Fisterra o luns, hoxe estivo en Negreira e mañá parará en Vimianzo.

A banda deseñada terá un importante oco na programación de Bocaberta para esta semana. Ti creas a historia, a actividade impartida polo debuxante Anxo Fariña, levou hoxe os seus obradoiros para rapaces e rapazas de 12 anos a Val do Dubra e ao Pino e o xoves visitará Viana do Bolo e A Pobra de Trives. Mentres, os obradoiros de cómic Galimatías para rapaces e rapazas de 13 a 18 anos, que imparte o debuxante Fran Bueno, chegará a Dodro o venres.

Toda a información sobre Bocaberta

Explorando varias disciplinas como o deseño gráfico, a escrita creativa e a radio está a actividade Palabras no ar. Esta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística poderana aproveitar os mozos e mozas de Arteixo o xoves e o venres.

Os horarios e localizacións de todas estas actividades poden consultarse no boletín do programa, accesible desde http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta, así como nas principais redes sociais de internet nas que está presente Bocaberta: Facebook, Twitter e Tuenti.

Desde o pasado mes de outubro e ata maio, Bocaberta percorrerá todos os concellos de Galicia con 747 actividades para promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

Menús News node R