O conselleiro de Educación clausura as xornadas “Allariz, historia e patrimonio” celebradas no concello ourensán

O encontro foi organizado polo centro asociado da UNED en Ourense

Sáb, 12/03/2011 - 13:31
Xesús Vázquez na clausura das xornadas sobre Allariz
Xesús Vázquez na clausura das xornadas sobre Allariz

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe as xornadas “Allariz, historia e patrimonio”, celebradas na Casa dos Maiores de dito concello ourensán.

Durante a súa intervención o conselleiro fixo referencia á Allariz como unha vila na que “a cultura, a educación, a integración entre recursos patrimoniais, paisaxísticos e históricos como dinamizadores económicos dunha localidade, teñen un dos ‘topos’ de reflexión máis habituais”.

Ademais Vázquez Abad destacou que o curso hoxe clausurado é o froito do traballo de todos os axente implicados. Así, incidiu nos esforzos da Asociación alaricana de amigos do camiño de Santiago, o impulso académico da UNED, e as achegas de profesoras e profesores especialistas en temas de historia, arte, arquitectura e ciencias das universidades de Vigo e A Coruña. Así mesmo agradeceu  a contribución do Concello de Allariz que proporcionou este local para poder levar a cabo este curso e dos técnicos da Xunta de Galicia.

O conselleiro de Educación fixo fincapé no “valor positivo de saír das aulas ou dos despachos e relacionarse cos axentes sociais máis dinámicos”, co fin de comunicar e pór en común os coñecementos, de forma que sexan o máis útiles posible para o avance de Galicia.

Historia alaricana

O encontro estivo dirixido polo decano da facultade de Xeografía e Historia da UNED, o profesor Enrique Cantera Montenegra; e coordinada polo profesor titor Anselmo López Carreira. Ao longo destas xornadas fíxose un repaso á historia de Allariz, no que participaron especialistas relativos a distintas áreas como a diplomática, a arte, a arqueoloxía, a historia e o patrimonio cultural.

Así ao longo dos dous días falouse de Allariz na idade media e do imaxe urbana desa época, e da súa importancia como camiño real sendo un eixe vertebrados do patrimonio cultural, e en definitiva do seu patrimonio global.

Entre os preto de 50 asistentes encontrábanse estudantes da UNED, así como licenciados en Historia e Historia da Arte, así como técnicos en Turismo, Arqueólogos, Arquitectos entre outros interesados na historia deste concello.