A Xunta contribúe á difusión e ao recoñecemento da poesía galega contemporánea a través do ámbito anglosaxón

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos presentaron a obra Contemporary Galician Poets, publicada por unha das revistas de poesía máis prestixiosas do Reino Unido

Ven, 11/03/2011 - 19:15
O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral do Libro, Bibliote
O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos presentaron a obra Contemporary Galician Poets, publicada por unha das revistas de poesía máis prestixiosas do Reino Unido

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, presentaron esta tarde Contemporary Galician Poets, un monográfico de poesía galega contemporánea dunha das revistas máis prestixiosas do Reino Unido, Poetry Review.

No acto, organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e pola Consellería de Cultura e Turismo, tamén participaron a editora da revista, Fiona Sampson, e o responsable da selección e tradución dos poemas ao inglés, Jonathan Dunne, que realizaron un recital poético con algúns dos textos que se inclúen no suplemento, intercalando a súa lectura en galego e en inglés.

 

A contribución dos escritores

Durante a presentación, Anxo Lorenzo incidiu na “contribución dos poetas, e dos autores literarios en xeral, na
elaboración dun idioma poético de calidade, dun idioma galego de calidade, que é o que todos desexamos: unha lingua popular, fixada, asentada e intelectualizada formalmente, para dar resposta aos retos da sociedade actual, e coñecida e utilizada por todo tipo de falantes”. Ao mesmo tempo, o secretario xeral salientou “o intenso labor dos tradutores e das tradutoras, xa que sen a súa contribución, cara ao galego e desde o galego, o noso sistema cultural estaría incompleto”, dixo. Nese sentido, gabou o traballo realizado por Jonathan Dunne nesta obra.

 

39 poemas traducidos ao inglés de 19 autores galegos

O suplemento Contemporary Galician Poets, que saíu co número cuarto do volume cen desta singular publicación, ofrece 39 poemas de 19 autores galegos actuais, que segundo Francisco López Rodríguez, “permitirán comprender o presente vigor das nosas letras máis alá das nosas fronteiras”. “É moi complexo nun país de letras tan rico como Galicia –precisou o director xeral– elixir unhas poucas voces, representativas das distintas tendencias e xeracións últimas da súa lírica, que sexan ao tempo voces singulares e con forza de autor, pero penso que, neste caso, Jonathan, foi quen de conseguilo”, apuntou.

Finalmente, Francisco López Rodríguez destacou que “divulgar a nosa literatura noutros sistemas literarios e fomentar o coñecemento de nós alén das nosas fronteiras é unha condición necesaria para suscitar interese polo que actualmente facemos, polas nosas letras de hoxe: letras vizosas e vivas, arraigadas nunha tradición cultural milenaria, que miran cara ao futuro con
razoable optimismo polo seu máis que importante capital creativo”.

O suplemento Contemporary Galician Poets recolle 39 obras traducidas ao inglés de 19 autores da literatura galega dos nosos días: Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Miguel Anxo Fernán Vello, Luís González Tosar, Bernardino Graña, Xulio López Valcárcel, Xosé Luís Méndez Ferrín, Olga Novo, Pilar Pallarés, Chus Pato, Alfonso Pexegueiro, Luz Pozo Garza, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Claudio Rodríguez Fer, Xavier Seoane e Xohana Torres.

A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, e de Cultura e Turismo apoiou a edición deste suplemento de poesía contemporánea galega co fin de contribuír á proxección internacional da lingua e da cultura galegas a través do ámbito anglosaxón.

Menús News node R

Departamento