Aberto o prazo para optar aos premios extraordinarios de FP de grao superior

Estes galardóns son un recoñecemento ao traballo e ao esforzo acadado polo alumando de cada unha das familias de Formación Profesional

Mar, 28/02/2017 - 12:58

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar os premios extraordinarios de Formación Profesional de grao superior correspondentes ao curso 2015/16, cos que se recoñece a traxectoria académica, o traballo e o esforzo do alumnado de todas as familias de FP.

A convocatoria, que pode consultarse no DOG de hoxe (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170228/AnuncioG0164-160217-0001_gl.html ), está dirixida aos alumnos que realizaron estudios de FP de grao superior no pasado curso académico e que os remataron no ano 2016 nalgún centro educativo de Galicia; e que teñan acadado unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50 puntos. 

Os interesados en optar a estes galardóns teñen de prazo ata o 31 de marzo para presentar as solicitudes coa correspondente documentación que acredite os méritos acadados. Poderán facelo preferentemente por vía electrónica (https://sede.xunta.gal), e tamén de xeito presencial en calquera dos rexistros establecidos por lei.

Ao abeiro desta convocatoria, a Consellería de Educación poderá conceder ata un máximo de 23 premios extraordinarios, un par cada familia de formación profesional de grao superior implantada en Galicia. Para tal fin destínanse unha partida orzamentaria de 19.550 euros, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 euros por premio.

Ademais dun diploma acreditativo e da correspondente dotación económica, os galardoados poderán optar aos Premios Nacionais de Formación Profesional.