O conselleiro de Educación visita o CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo

Xesús Vázquez Abad destacou as melloras realizadas pola Consellería nas instalacións do centro pontevedrés

Ven, 11/03/2011 - 14:11
O conselleiro de Educación visita o CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo
O conselleiro de Educación visita o CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o CEIP San Xoán Bautista, na localidade pontevedresa de Cerdedo, no marco da rolda de encontros que está a ter coas comunidades educativas de centros de ensino de toda Galicia, co fin de coñecer en primeira persoas as súas particulares necesidades.

Neste encontro o conselleiro estivo acompañado polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, polo alcalde de Cerdedo, Silvestre José Balseiros Guinarte; polo director do centro, Manuel Portas; e e por membros do equipo directivo e docente do colexio. Previamente Vázquez Abad visitou a Casa do Concello, respondendo á invitación do rexedor municipal.

Melloras nas instalacións

Durante o seu percorrido polo colexio Xesús Vázquez Abad tivo a oportunidade de comprobar as melloras realizadas no centro, e que supuxeron un investimento de máis de 100.000 euros por parte da Consellería de Educación. “Grazas a este esforzo económico por parte da xunta de Galicia”, destacou o conselleiro, “os 69 escolares deste centro contan agora cunhas instalacións eléctricas renovadas, ademais das melloras realizadas nos aseos de infantil e no ximnasio”. “Desta forma queda de manifesto o compromiso da Consellería de Educación co mantemento nas mellores condicións das instalacións dos centros de ensino de toda Galicia, malia á crise económica”, concluíu Vázquez Abad.

O conselleiro destacou ademais o traballo diario que este centro fai pola mellora da súa biblioteca escolar, na que se realizan diversas iniciativas de fomento do hábito da lectura entre os máis novos. Ademais, o conselleiro lembrou que a biblioteca deste centro leva recibido 4.600 euros para o impulso destas actividades.

Tras a visita ás aulas Xesús Vázquez Abad compartiu o almorzo con alumnado e docentes no comedor do colexio.