Política Lingüística reforza a dinamización do galego desde o ámbito local cunha nova convocatoria de axudas para 2011

A orde de subvencións da Secretaría Xeral de Política Lingüística favorece a prestación de servizos lingüísticos e o desenvolvemento de programas de dinamización do galego

Ven, 11/03/2011 - 13:28

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as axudas de 2011 destinadas a fomentar o uso do galego desde o ámbito local. A nova orde de subvencións para as entidades locais, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, busca fomentar a prestación dun servizo lingüístico (a través da súa creación ou mediante o mantemento ou reforzamento dos existentes) e promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega, en concellos ou en agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

Deste xeito, a nova convocatoria de axudas de Política Lingüística, dotada con 420.000 euros, dálles continuidade aos criterios establecidos na anterior –a primeira promovida desde este departamento– co fin de fomentar as actuacións en materia de dinamización lingüística optimizando os recursos e apoiando as entidades de menor poboación, xa que máis do 50% dos concellos de Galicia non alcanzan os 3.000 habitantes e encontran importantes limitacións na prestación destes servizos á cidadanía.

Pertenza dos concellos á Rede de Dinamización Lingüística

Como principal novidade, a orde prioriza na concesión das axudas aqueles concellos que integran actualmente a Rede de Dinamización Lingüística, creada pola Orde do 14 de setembro de 2010. Os beneficiarios desta novidade respecto das ordes anteriores son, en primeiro lugar, as entidades que nestes momentos xa forman parte da rede e, en segundo lugar, aqueles concellos que soliciten a súa adhesión á rede na data de presentación desta solicitude de subvención.

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, 12 de marzo, e remata o 11 de abril.

Catro modalidades de axuda

Tendo en conta estes obxectivos, a orde establece catro modalidades de axuda. En primeiro lugar, a creación dun servizo lingüístico. En segundo lugar, a creación dun servizo lingüístico dun agrupamento de concellos. En terceiro lugar, o mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local (concello ou agrupamento de concellos). E, finalmente, o desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico (concello ou agrupamento de concellos).

En termos globais, ademais da pertenza á Rede de Dinamización Lingüística, tamén se priorizan para a valoración das solicitudes os agrupamentos de concellos, os contextos sociolingüísticos máis desgaleguizados e os considerados de especial interese para a cobertura uniforme de Galicia, así como os proxectos en colaboración con outras entidades do ámbito local.

Ámbitos de intervención prioritarios

A orde de subvencións para 2011 comparte os obxectivos da Rede de Dinamización Lingüística, o primeiro proxecto encamiñado cara á coordinación e á optimización dos recursos, nunha acción conxunta e planificada de dinamización social da lingua galega promovida desde a Administración autonómica e apoiada desde a Administración local.

Na busca desta coordinación, fíxanse na convocatoria cinco ámbitos prioritarios no marco das campañas, programas e accións de dinamización da lingua galega: o deporte, a mocidade, as TIC, a economía e os servizos sociais.

En 2010, as axudas para a promoción do uso do galego desde o ámbito local fóronlles concedidas a un total de 106 concellos, dos cales 23 a solicitaron baixo a modalidade de agrupamento. Isto supuxo un incremento de 43 entidades beneficiarias con respecto ao ano 2009. Ademais desta convocatoria de subvencións para os concellos, as catro deputación galegas contaron en 2010 con apoio económico da secretaría xeral en materia de dinamización lingüística, mediante cadanseu convenio de colaboración.

Garantir unha maior proxección e visibilidade para o galego

A través desta convocatoria de axudas, así como, principalmente, da posta en marcha da Rede de Dinamización Lingüística, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca impulsar a promoción do galego desde as entidades locais de Galicia, incidindo no fomento de actuacións que garantan unha maior proxección e visibilidade da lingua galega, non só no ámbito administrativo, senón fundamentalmente na acción destinada ao conxunto da sociedade. Ao mesmo tempo, preténdese fomentar a dinamización e a cooperación entre as distintas entidades locais, coa finalidade de potenciar o proceso de extensión do uso do galego de xeito coordinado e planificado.

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo