O CIPF Carlos Oroza estrea unha cociña de última xeración

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou a aposta do Goberno galego por unha Formación Profesional de calidade, onde se reforzan os vínculos entre educación, empresa e investigación, e da que este centro é un dos máximos expoñentes

Mér, 22/02/2017 - 17:15
O CIPF Carlos Oroza estrea unha cociña de última xeración

O CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra, dá un paso máis na súa aposta pola innovación no ámbito da Formación Profesional coa posta en marcha dunha nova aula de I+D de última xeración coa que o alumnado dos ciclos das familias de industrias alimentarias e de hostalaría e turismo recibirá unha formación de maior calidade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe no acto inaugural desta aula, concibida como un espazo polivalente que funcionará como centro de formación e no que se poderán realizar tamén tarefas de investigación e innovación culinaria, e exposición de produtos. Ademais da formación do alumnado do centro, acollerá tamén de xeito puntual clases maxistrais de recoñecidos profesionais do ámbito da hostalaría e a restauración, así como formación continua para traballadores.

Román Rodríguez destacou a aposta que está realizando o Goberno galego por unha Formación Profesional innovadora e de calidade, na que se reforcen os vínculos entre educación, empresa e investigación, e da que o CIFP Carlos Oroza é un dos seus máximos expoñentes. “A actividade innovadora, tanto didáctica como tecnolóxica e, sobre todo a transferencia deste coñecemento ás empresas, contribúen á cualificación, á empregabilidade dos futuros profesionais e á mellora da competitividade das empresas”, subliñou o conselleiro, quen agradeceu á dirección e aos docentes do centro, así como ao alumnado e ás empresas que participaron no proxecto, a posta en marcha deste espazo que xa comezou a funcionar de xeito experimental e que a partires de hoxe o fará xa de forma ordinaria.

Cociña altamente tecnificada

A aula de I+D está dividida en dúas partes, unha de cociña e outra que é unha grada con capacidade para 60 persoas, e desde a que poden asistir a demostracións e show cooking,…entre outros. A zona de cociña está dotada cos elementos máis innovadores como electrodomésticos, un forno de última xeración, placa de indución, plancha xaponesa e parrilla grill.

A situación deste espazo de alta tecnificación -o único destas características nun centro de FP da provincia de Pontevedra e o primeiro desta magnitude en Galicia- foi posible logo das importantes obras que a Consellería de Cultura e Educación realizou no Carlos Oroza en dúas fases e que supuxeron un investimento de preto de 1,6 millóns de euros. Esta actuación supuxo a construción dun novo volume de case 1.700 metros cadrados composto de baixo (que acolle a aula de I+D, ademais do economato e un almacén con cámaras de frío) e dúas plantas. Na planta baixa construíuse unha aula-taller de cociña e na segunda planta albérganse os talleres de panadería e pastelería, e confitería-chocolatería.

No acto inaugural o conselleiro Román Rodríguez estivo acompañado do director do CIFP, Manuel Hermo; do secretario xeral técnico da consellería, Jesús Oitavén; do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, entre outros. Ademais, o ex alumno do centro e na actualidade xerente de varios negocios de hostalaría en Pontevedra, Rubén González Vallejo, fixo unha exposición gastronómica; mentres que Diego López, colaborador do CIFP, expuxo unha interpretación do cocido de Lalín.