A Consellería de Educación considera nula a sanción á nena de Arteixo ao non poder aportar o centro o expediente disciplinario

A Xunta resolve non tramitar o traslado da estudante, acordado no consello escolar do centro, xa que o colexio non fixo a tramitación axeitada a legalidade e o proceso queda invalidado

Xov, 10/03/2011 - 14:44

No caso da estudante do CEIP de Arteixo a Xunta resolve non tramitar o traslado da estudante ao faltar o expediente disciplinario preciso para tal acción, polo que o centro non cumpre coa legalidade necesaria, o que invalida o proceso.

O proceso de sanción

Cómpre lembrar que o Consello Escolar do centro en acta da sesión, do día 28 de febreiro deste ano, sancionou á alumna por unha falta moi grave, ao contravir reiteradamente o regulamento de réxime interno, co traslado do centro.

O día 3 de marzo a inspección educativa da xefatura territorial solicitou o expediente disciplinario incoado á alumna. A petición foi respondida verbalmente polo director do CEIP alegando que non existía o expediente.

Diante destas circunstancias a Consellería informa que a inexistencia de dito expediente disciplinario provoca a nulidade da sanción imposta polo Consello Escolar. Sen entrar no fondo do asunto, póñense de manifesto defectos de forma que fan imposible o cumprimento de dita sanción e, polo tanto, a estudante debe permanecer escolarizada ata que, se procede, se impoña unha sanción conforme a dereito, se solicite o traslado por parte dos pais ou se modifique o regulamento de réxime interno do CEIP de Arteixo.

Corresponde ao director, segundo indica a Lei Orgánica de Educación (LOE), tomar a opción que proceda para velar polo cumprimento das normas do centro. A Consellería recorda que se da este caso porque o centro non cumpriu cos pasos legais precisos para a realización do expediente disciplinarios.

Máximo respecto

Con respecto ao fondo do asunto, a Consellería reitera os pronunciamentos efectuados polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, máximo órgano de protección tanto do dereito á liberdade relixiosa como da escolarización a nivel europeo, que por unanimidade no ano 2008 manifestou que as medidas disciplinarias están xustificadas de acordo co principio de proporcionalidade, cando corrixen normas xerais do centro polo que non se produce violación da liberdade relixiosa nin tampouco do dereito á educación garantido polo artigo 9.2 da Declaración europea de Dereitos Humanos.