As últimas medicións confirman que non existen partículas de amianto no CEIP Ramón de la Sagra

A Consellería remitiu hoxe o informe á dirección do centro para que llo faga chegar ás familias

Ven, 17/02/2017 - 17:40

Os últimos resultados das medicións efectuadas no CEIP Ramón de Sagra veñen de confirmar que non existen partículas de amianto neste centro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibiu este mediodía os datos que ratifican que, de acordo coa medición segundo os protocolos do microscopio de varrido, a medida de partículas de amianto é inexistente.

Unha vez recibidos os resultados destas probas que se fixeron con carácter extraordinario, a Consellería remitiu hoxe mesmo o informe completo á dirección do CEIP para que llo dea a coñecer ás familias.

Polo tanto, segundo os protocolos de medición dos laboratorios franceses encargados de analizar as mostras, confírmase que as medidas adoptadas por parte da Consellería para levar a cabo os traballos de substitución da cuberta foron axeitadas. Estes resultados van na liña dos obtidos polas medicións efectuadas durante as xornadas que se estiveron executando os traballos.

Educación agradece ás familias que, confiando no correcto proceder da Consellería, non deixaron de enviar os rapaces ao centro pese a alarma en torno a estes traballos. Cómpre lembrar que este tipo de obras se están levando a cabo en moitos centros de ensino de toda Galicia sen ningún tipo de problema.

Mellora integral do centro

A obra que está levando a cabo a Consellería no CEIP Ramón de la Sagra é unha actuación de rehabilitación integral que ten como principal obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e funcional deste centro educativo.

Ademais da renovación da cuberta mediante a substitución das placas de fibrocemento por un “panel sandwich” e a colocación de capa de illamento sobre o forxado do baixo cuberta, a actuación inclúe tamén a aplicación dun sistema de illamento térmico polo exterior do edificio; o cambio das fiestras exteriores por outras novas de aluminio con rotura de ponte térmica e cristais dobres con cámara de aire, así como as persianas, que serán tamén de aluminio; e a substitución das  actuais luminarias de aulas e biblioteca por outras de maior eficiencia enerxética. Esta obra foi adxudicada por un importe de algo máis de 500.000 euros.