A Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza renderalle tributo a Rosalía e a Zeca Afonso

Valentín García presentou hoxe ao mediodía a terceira edición desta iniciativa na que a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa formación portuguesa Canto D’Aqui, coa Câmara Municipal de Braga e coa Junta de Frêguesia de San Vicente

Enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coa que a Xunta de Galicia promove as relacións cos países de fala portuguesa

Mar, 14/02/2017 - 16:02
A Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza renderalle tributo a Rosalía e a Zeca Afonso

A 3º Semana Cultural Convergências Portugal - Galiza renderalle tributo do 19 ao 25 de febreiro na cidade portuguesa de Braga a Rosalía de Castro e a Zeca Alfonso, de cuxo nacemento e pasamento se fan 180 e 30 anos, respectivamente. Así o deu a coñecer hoxe ao mediodía o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Uxía, unha das artistas participantes e coordinadoras deste evento, e por representantes das entidades coorganizadoras.

“Comprácenos presentar un ano máis esta iniciativa na que Galicia se irmanda con Portugal a través de diferentes propostas culturais e musicais nas que, coma sempre, estará representada por destacados embaixadores da música, da cultura e da lingua galegas para levar ata Braga a escritora máis internacional das nosas letras, Rosalía de Castro”, sinalou o secretario xeral, quen recordou que “tras a aprobación da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía son eixos prioritarios da acción de goberno da Xunta de Galicia a promoción das relacións cos países de fala portuguesa e a proxección internacional do noso idioma propio na lusofonía”.

Acompañárono na presentación Carlos Beiró, secretario da Fundación Rosalía de Castro; Jaime Torres, Carlos Moutinho e Filipe Cunha, integrantes do grupo portugués Canto D'Aqui (Braga); e Fernando Groba, lector do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho.

3ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora nesta 3ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza, que se celebrará en Braga do 19 ao 25 de febreiro, coincidindo coa semana do Día de Rosalía de Castro. En representación de Galicia, acudirán en diferentes xornadas Uxía, o dúo Clave de Fado e o grupo folk As Donicelas, así como o escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

A semana cultural abrirase o vindeiro domingo 19 de febreiro cun concerto a cargo de Canto D'Aqui e da Banda Militar do Porto no bracarense Teatro Circo. O martes 21, o evento empraza a todos os participantes no Salón Nobre do Reitorado da Universidade do Minho cun coloquio/tertulia/poesía/momentos musicais centrado na música tradicional na obra de José Afonso e na imaxe de Galicia en Portugal, que contará coa participación de Anxo Angueira e de Uxía.

Xa o mércores, en Clave de Fado actuará no Auditorio José Sarmento e na véspera do Día de Rosalía, o xoves 23 de febreiro, renderáselle tributo a José Afonso no Conservatorio de Música C. Gulbenkian. O propio día, Rosalía de Castro será a anfitrioa do tributo no Teatro do Liceo Sá de Miranda. O sábado 25 despedirá a semana a Banda de Música de Oliveira cun concerto no Auditorio do Parque de Exposicións. Agás o concerto de apertura, todos os outros concertos e encontros son de balde. Toda a información no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Proxección do galego na lusofonía

Tras a entrada en vigor, en marzo de 2014, da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía -a coñecida como Lei Paz-Andrade aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia a raíz dunha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular avalada por 17 000 sinaturas-, que ten como obxectivo aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, a Xunta de Galicia contempla na súa axenda de traballo accións estratéxicas de promoción das relacións cos países de fala portuguesa.

Estas accións, entre as que cómpre destacar a consecución do status de membro observador consultivo do Consello da Cultura Galega en representación de Galicia, compleméntanse coas doutras que fan posible o achegamento á lingua e á cultura galegas desde os sete centros de estudos galegos cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia en Portugal (nas universidades do Algarve, do Minho e de Lisboa) e no Brasil (nas universidades de San Paulo, de Bahia, de Niterói e do Río de Xaneiro), respectivamente.

Menús News node R