Educación recoñece a 39 estudantes cos premios extraordinarios de bacharelato, FP de grao superior e concurso de ortografía

O conselleiro de Educación destacou o traballo e esforzo do alumnado galardoado

Ven, 04/03/2011 - 13:18
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, na entrega de premios
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, na entrega de premios

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñeceu hoxe o traballo de 39 estudantes na entrega dos premios extraordinarios de bacharelato –correspondentes ao curso 2009/2010-, de Formación Profesional específica de grao superior – do ano académico 2008/2009-, e da fase autonómica XI edición do Concurso Hispanoamericano de Ortografía – do ano 2010-.

O conselleiro, Xesús Vázquez Abad; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; o director xeral de educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira; e a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do sistema educativo, Carmen Cimadevila; foron os encargados de entregar os galardóns ao alumnado. No acto interveu tamén o director do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, José Manuel Leis Blanco, en representación dos centros educativos; e o alumno do IES Rosalía de Castro, Pablo Almuiña Varela, como representante do alumnado premiado. O acto contou ademais coa interpretación musical dun cuarteto do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Estímulo aos estudantes

Tal e como explicou o conselleiro de Educación, “os galardóns que hoxe entregamos son un dos piares da política de estímulo de mellora da calidade do Sistema Educativo de Galicia. Cada un destes recoñecementos ten as súas propias características, pero todos eles naceron co propósito común de recoñecer de xeito público o percorrido extraordinario do alumnado dos nosos centros e premiar deste xeito a súa entrega e tesón diarios”, engadiu.

Ademais, Vázquez Abad lembrou aos premiados que o seu éxito non depende só de si mesmo. Deste xeito felicitou aos centros educativos e aos profesionais que neles traballan “polo seu labor de impulso e orientación que axudou a estes 39 rapaces e rapazas a estar hoxe aquí”. Así mesmo dirixiuse aos pais e nais, “transmisores primordiais de principios e valores, bases nas que se cimenta o traballo dos vosos fillos e fillas”.

“Neste sentido -dixo- na Consellería apostamos decididamente por unha educación que vos proporcione cualificación técnica, pero que tamén vos prepare nos eidos humano e intelectual para a incorporación ao mundo laboral”.

Recoñecemento ao esforzo

No caso da fase autonómica do XI do Concurso Hispanoamericano de Ortografía resultaron galardoados dous estudantes de 2º de Bacharelato, recoñecidos pola súa habilidade nesta disciplina.

Respecto dos premios extraordinarios de Bacharelato, foron 19 estudantes os que viron recoñecido o as súas cualificacións dos dous cursos de bacharelato, que acadaron unha media igual ou superior a 8,75 puntos; así como os seus resultados na proba específica realizada para a obtención do galardón.

Finalmente 18 alumnas e alumnos obtiveron os premios extraordinarios de formación profesional específica de grao superior, Para resultar beneficiados por estes premios, os candidatos debían ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos do ciclo formativo igual ou superior a 8,5. Ademais valoráronse os méritos relacionados co título profesional, tales como as actividades de formación, cursos, congresos ou xornadas relacionados directamente cos contidos do ciclo formativo; e os cursos de linguas estranxeiras, TIC e prevención de riscos laborais.

Estes premios representan o compromiso da Consellería de Educación co recoñecemento do esforzo do estudantes, actitude fundamental para acadar o éxito escolar, e que redunda nunha maior calidade do conxunto do sistema educativo galego.