A Consellería de Educación garante en todo momento polo dereito á escolarización da menor de Arteixo

O secretario xeral técnico da Consellería lembrou no Parlamento que a obriga de non levar cuberta a cabeza fundaméntase no respecto aos demais

Xov, 03/03/2011 - 18:35

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén Barcala, reiterou hoxe no Parlamento de Galicia que a Consellería de Educación non estivo ausente en ningún momento no caso da menor de Arteixo á que as normas do seu centro educativo non lle permite levar a cabeza cuberta na clase.

Neste sentido o secretario xeral técnico recordou que a Consellería garante desde o primeiro momento polo dereito á educación da alumna, desde a defensa da autonomía dos centros educativos e desde o respecto aos seus regulamentos internos. “Cómpre lembrar –dixo- o que establece o artigo 124 da Lei Orgánica de Educación, que di que “os centros docentes elaborarán as súas normas de organización e funcionamento, que deberán incluír as que garantan o cumprimento do plan de convivencia, e as Administracións educativas facilitarán que os centros, no marco da súa autonomía, poidan elaborar as súas propias normas de organización e funcionamento”.

Ademais, o secretario xeral técnico puntualizou que nas normas do centro non hai unha prohibición do velo, senón que se trata dunha normativa dun centro que prohibe a todas as alumnas e a alumnos tapar a cabeza por respecto aos demais.

Sentenzas do Tribunal Europeo

Nesta mesma liña, tal e como recordou o representante do departamento educativo da Xunta de Galicia, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos tivo ocasión de pronunciarse na resolución sobre o caso ‘Köse’ afirmando que “a obriga imposta aos alumnos de acudir á escola coa cabeza sen cubrir é unha norma de orden xeral, que se aplica a todos os alumnos sen consideración da súa convicción relixiosa”.

Este mesmo tribunal tivo ocasión de pronunciarse en dúas sentencias do ano 2008, sobre feitos acontecidos en Francia -casos Dragu e Kervanci- con respecto aos principios de liberdade relixiosa e do dereito á educación. Tratábase da expulsión de dúas alumnas musulmanas que en 1999, antes da lexislación francesa sobre símbolos relixiosos do ano 2004, acudían a clase de educación física coa cabeza cuberta cun pano e por motivos relixiosos. A sentenza por unanimidade do tribunal europeo declarou, tal e como explicou o secretario xeral técnico, que a medida disciplinaria adoptada estaba xustificada de acordo co principio de proporcionalidade, e polo tanto no había violación da liberdade relixiosa nin tampouco do dereito á educación garantido polo artigo 9.2 da Declaración europea de Dereitos Humanos.