Política Lingüística apoia o labor dos equipos de dinamización a prol da promoción do uso do galego desde o ensino

Desde hoxe e ata o vindeiro 20 de febreiro pódense solicitar as axudas a proxectos de fomento do uso do galego en centros docentes públicos e privados cuxas convocatorias publicou onte o Diario Oficial de Galicia

Xov, 19/01/2017 - 14:09

A Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia o labor de promoción do uso do galego dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros de ensino coa publicación de dúas convocatorias de axudas destinadas tanto a centros docentes públicos coma a privados. O prazo de solicitude está aberto desde hoxe ata o vindeiro 20 de febreiro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)

Dotadas dun total de 322.600 euros, teñen por finalidade contribuír ao financiamento das actividades que realizan os EDLG dos colexios e institutos da Comunidade que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios. Complementan ademais outras liñas de actuación postas en marcha pola Administración autonómica para impulsar e apoiar o labor destas unidades técnicas de traballo e a promoción do uso do galego desde o ensino.

Para alén destes apoios para que cada centro educativo, no exercicio da súa autonomía, desenvolva proxectos de promoción da lingua propia de Galicia axeitados ás súas peculiaridades, a Secretaría Xeral Política Lingüística desenvolve diversos programas orientados a promover a aprendizaxe, o uso e a valoración social do galego.

Tal é o caso do Concurso-Exposición Letras Galegas, da convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros docentes de titularidade da Consellería, dos proxectos multimedia Dragal e Nós tamén creamos! ou da nova proposta O galego é un mundo: multiculturalismo e diversidade lingüística hoxe, que chegará entre xaneiro e febreiro a doce centros de ensino de Galicia .

Toda a información no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal.