Román Rodríguez salienta a implicación de toda a comunidade educativa en prol da inclusividade

O conselleiro de Cultura e Educación agradeceu o esforzo de docentes, orientadores, especialistas e asociacións para lograr un ensino máis inclusivo

Sáb, 10/12/2016 - 11:15
Román Rodríguez salienta a implicación de toda a comunidade educativa en prol da inclusividade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura das IV Xornadas de atención á diversidade ‘Sumando estratexia’, que se celebran na Escola Galega de Administración Pública, e que teñen como obxectivo afondar na formación do profesorado neste eido. Neste sentido, o conselleiro lembrou que unha das liñas prioritarias do departamento que dirixe é, precisamente, continuar avanzando na consecución dun sistema educativo cada vez máis integrador, tendo en conta que, segundo os últimos informes dispoñibles, Galicia é xa a comunidade autónoma cun ensino máis inclusivo, co 91,1% do alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE) integrado no réxime ordinario.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta destacou e agradeceu o esforzo e implicación do profesorado, especialistas e orientadores na consecución deste obxectivo, sinalando como fundamental a unión de forzas de todos os axentes implicados no sistema educativo para valorar a diversidade e as diferenzas como un piar que nutre a toda a comunidade. “Trátase, pois, de sumar esforzos e adoptar medidas e accións que impliquen activamente a toda a comunidade educativa”, en prol de aproveitar as potencialidades de cada alumno, dixo.

Así mesmo Román Rodríguez incidiu na importancia de que as organizacións e asociacións e a Consellería traballen da man para que a escola sexa un lugar onde os alumnos con necesidades específicas de atención educativa poidan desenvolver todas as súas competencias persoais, emocionais, profesionais e sociais; e lembrou que a Consellería ten establecido acordos de colaboración con algunhas das representadas na xornada de hoxe, como a Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (Down Galicia), a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG),a ONCE, a Federación Galega de Asociacións de Déficit de Atención e Hiperactividade (FEGADAH), a Asociación Galega de Asperger (ASPERGA), ou Baion Asociación para o Tratamento do Autismo (BATA).