Galicia recibe máis de 23 millóns para continuar coa mellora do sistema educativo galego

O montante destinarase a seguir implantando ciclos de FP Básica, novos itinerarios de ESO, así como para financiar libros de texto e materiais didácticos, para a aprendizaxe de idomas ou para a convivencia escolar, entre outros fins

Ven, 09/12/2016 - 18:00

Galicia recibirá un total de 23,62 millóns de euros para continuar desenvolvendo accións e programas de mellora da calidade do sistema educativo galego. Así o acordou hoxe o Consello de Ministros a petición do Ministerio de Educación, despois de ser consensuado coas diferentes comunidades autónomas na pasada Conferencia Sectorial de Educación.

En concreto, un total de 12,3 millóns de euros irán destinados a seguir implantando novos ciclos de Formación Profesional Básica, mentres que para os novos itinerarios de ESO se reciben 8,12 millóns. Así mesmo, recíbense 732.733 euros para a posta en marcha de accións de calidade na Formación Profesional, e un total de 80.205 para a FP Dual. En canto ás probas de avaliación final de Educación Primaria, a partida ascende a 68.544 euros.

Axudas a libros de texto e linguas

A Comunidade tamén recibirá 839.646 euros para libros de texto e materiais didácticos e outros 394.314 para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, a través de accións concretas tanto para alumnos como para profesores. En canto á partida de axudas a Confederacións e Federacións de Asociacións de Pais e Nais de alumnos, esta está dotada con 13.666 euros.

Pola súa banda, do programa de Cooperación Territorial de Convivencia Escolar, Galicia contará con 84.496 euros, e do de necesidades específicas de apoio educativo, con 905.836 euros. Por último, a comunidade recibirá un total de 84.496 euros do Programa de Cooperación Territorial de Saúde Escolar.