Galicia obtén os mellores resultados da súa historia en Matemáticas, en Ciencias e en Lectura, segundo o informe PISA 2015

O alumnado galego mellorou 10 puntos en competencia lectora e 5 puntos en matemáticas con respecto ao informe de 2012, e sitúase por riba da media de España e da OCDE nas tres competencias avaliadas

En competencia científica Galicia está ao nivel de países cunha forte marca en tecnoloxía como Alemaña, Australia, Países Baixos, Corea do Sur e Suíza

Confírmase unha tendencia de mellora continua, tanto en termos absolutos coma en comparación co resto das CCAA, xa que escalamos postos nas tres competencias avaliadas

Os datos confirman que o sistema educativo galego é o máis equitativo dos países que participan no estudo

A Consellería de Cultura e Educación continuará implementando accións que considera prioritarias para a mellora dos resultados como son a formación do profesorado en todos os ámbitos, o reforzo dos contratos-programa, a incorporación nos currículos de materias vinculadas ao eido tecnolóxico, o reforzo da lectura e das bibliotecas escolares a través dos Plans LÍA e PLAMBE, e o plurilingüismo, entre outros.

Mar, 06/12/2016 - 18:26

O informe PISA 2015 -que se fixo público hoxe- confirma que Galicia está por riba da media de España e da OCDE nas tres competencias avaliadas (lectora, científica e matemática); e incrementa a súa puntuación total e a súa posición no ránking de comunidades autónomas con respecto ao último informe de 2012. O informe avalía que Galicia sigue nunha liña de crecemento continuo no que atinxe ao seu sistema educativo, con importantes melloras tanto en termos absolutos como en comparación co resto das comunidades autónomas, e mesmo con outros países.

Segundo os datos obtidos tras analizar o grao de adquisición de destrezas e coñecementos do alumnado de 15 anos, Galicia obtén 494 puntos en competencia matemática, 8 máis que a media española (486) e 4 máis que a media da OCDE (490).

Ademais Galicia sube 5 puntos en comparación co ano 2012 (cando obtivo 489 puntos). Na mesma liña van os resultados obtidos en competencia lectora, con 509 puntos (10 máis que os obtidos no informe de 2012), 13 máis que a media española (496), e 16 por riba da media da OCDE (493).  

Canto á competencia científica, Galicia mantén os 512 puntos obtidos en 2012, o que a sitúa 19 puntos por riba de España e da OCDE (493 as dúas). De feito a comunidade autónoma sitúase ao mesmo nivel de países que se caracterizan por un importante desenvolvemento tecnolóxico como Alemaña, Australia, Países Baixos, Reino Unido, Corea do Sur e Suíza.

En definitiva, Galicia mellora a súa posición tanto a nivel global como en comparación co resto das Comunidades Autónomas do Estado, onde sube dous postos na escala, ao pasar do sexto ao cuarto posto en competencia lectora (despois de Castela-León, Madrid e Navarra), e do décimo ao oitavo posto en competencia matemática; e 1 posto en competencia científica (ao pasar do quinto ao cuarto posto no ránking de CCAA). 

A primeira en equidade

O Informe PISA 2015 vén de confirmar a Galicia como a Comunidade Autónoma co sistema educativo máis equitativo por diante de todos os países da OCDE. Este dato, que se obtén tras analizar a influencia do contexto sociocultural nos resultados académicos do alumnado, confirma o esforzo da Consellería de Cultura e Educación por garantir un acceso á educación en condicións de igualdade para todos.

De feito, unha das accións prioritarias do Goberno galego é a atención á diversidade de todos os colectivos. Tal como reflicten os últimos informes do Ministerio, Galicia é a CCAA máis inclusiva do Estado, co 91,1% do alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE) integrado no réxime ordinario. Isto é posible grazas á rede de 3.000 profesionais, entre coidadores e especialistas en PT (Pedagoxía Terapéutica) e AL (Audición e Linguaxe) que traballan no noso sistema educativo público.

Políticas de implementación e reforzo

A tendencia positiva que vén de confirmar o informe PISA ratifica as accións postas en marcha pola Consellería de Cultura e Educación para avanzar cara a excelencia do sistema educativo e que se sustenta en dous piares fundamentais que son o profesorado e o alumnado.

Neste senso, é preciso salientar a dedicación e esforzo dos docentes galegos en prol da mellora da calidade educativa. Ademais cómpre ter en conta o reforzo da formación do profesorado, con liñas específicas para promover as competencias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), para a implantación dos novos currículos e das novas materias de libre configuración, a mellora da competencia lingüística en linguas estranxeiras ou bases para mellorar a atención á diversidade e a convivencia.

Así mesmo, a Consellería sigue reforzando os contratos-programa, que buscan mellorar a calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado de baixo rendemento. Cun orzamento de 3,1 millóns de euros (un 18% máis que o ano pasado), os contratos-programa permitiron a contratación de 154 docentes externos de apoio adicionais. Esta acción potencia a autonomía dos centros, que son quen deciden qué áreas deben reforzar e, precisamente, a liña máis demandada é o PROA (Programa de Reforzo, Orientación e Apoio), seguida da de reforzo en competencias clave.

Na área de lectura, cómpre poñer en valor os plans no ámbito das bibliotecas escolares, como o PLAMBE (de Mellora de Bibliotecas) e o Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe).

declaracións do conselleiro, Román Rodríguez (I)

Declaracións do conselleiro, Román Rodríguez (II)