Xesús Vázquez Abad visita os CEIPs e IES do concello de Verín nos que a Consellería vén de investir máis de 455.000 euros

Durante a súa visita o conselleiro anunciou que se farán obras de melora no IES Xesús Taboada Chivite e no CEIP Princesa de España

Lun, 21/02/2011 - 15:30
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, esta
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, esta mañá nunha das visitas aos centros educativos de Verín

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou na mañá distintos centros educativos do concello de Verín, nos que a Consellería vén de investir máis de 455.000 en distintas melloras. Ao longo do percorrido polo CEIP Amaro Refojo e Princesa de España, así como os IES Xesús Taboada Chivite, o García- Barbón e o Castro de Baronceli o conselleiro estivo acompañado polos diferentes equipos directivos, e pola xefa territorial de Educación en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Nun encontro mantido cos medio o conselleiro recordou que “nos distintos centros que hoxe visito no concello de Verín vimos de investir máis de 455.000 euros nestes centros”, e destacou que “destas inversións preto de 245.000 euros foron destinados a distintas obras; 83.700 para a mellora das bibliotecas escolares dentro das distintas accións desenvolvidas polo Plan LÍA; e no Proxecto Abalar neste concello xa van investidos máis de 126.000 euros na instalación das aulas beneficiadas”.

Durante as declaracións aos medios Vázquez Abad anunciou que “ao longo do presente ano faranse obras de mellora por valor de 110.000 euros destinados á renovación da calefacción do IES Xesús Taboada, e á mellora do sistema eléctrico e diversas reformas no CEIP Princesa de España.

As visitas

A xornada do conselleiro e da xefa territorial comezou coa visita ao CEIP Amaro Refojo, no que xunto ao seu director Ricardo Rodríguez Álvarez, comprobou as necesidades do recinto, que conta con 121 estudantes de infantil e 285 de primaria. Durante esta visita Vázquez Abad recordou que o centro forma parte do programa Abalar desde o presente curso, e que participa desde hai tres anos no plan de mellora de bibliotecas escolares. Ademais conta con seccións bilingües que benefician a 193 das súas alumnas e alumnos. Neste centro realizáronse melloras coa colocación de fiestras e pavimentación do patio.

Posteriormente os representantes de educación desprazáronse ata o CEIP Princesa de España, onde estiveron acompañados pola súa directora, María Teresa López Varela. Neste colexio estudan 67 alumnas e alumnos de infantil e 218 de primaria, que se benefician das distintas actividades que se desenvolven no centro e na súa biblioteca escolar, ademais das melloras realizadas na aula de educación especial e a dos gardavivos instalados en primaria.

Percorrido polos institutos

O percorrido polo concello continuou polos distintos institutos. Así, Vázquez Abad visitou o IES García Barbón, xunto a súa directora, María Teresa Jiménez Pérez, onde comprobou o estado das instalacións das que fan uso 325 estudantes. Neste espazo impártense clases de educación secundaria para adultos; ensinanzas básicas iniciais e bacharelato. Ademais danse clases de ciclos formativos, de administración e finanzas; coidados auxiliares de enfermaría; electromecánica de vehículos; instalación e mantemento electromecánico de maquinaria e condución de liñas; e xestión administrativa. Neste recinto realizáronse nos últimos anos obras de adaptación do local de usos múltiples, así como a reposición de fachadas e vestiarios e a pavimentación.

Posteriormente o conselleiro e Díaz Mouteira desprazáronse ata o IES Xesús Taboada Chivite, onde acompañados polo director, Juan Guerra López, visitaron as instalacións nas que estudan 126 alumnas e alumnos de Bacharelato, e 338 de ESO. Ademais neste IES impártense programas de cualificación profesional inicial de cociña; comercio; fontanaría; calefacción e climatización domésticas; informática; instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións e peiteado.

Cómpre destacar que o centro comezou a traballar este curso co Proxecto Abalar. Ademais, na súa biblioteca, que está incluída dentro do Plan de Mellora desde a primeira convocatoria, desenvólvense actividades como os clubs de lectura.

Dentro do proxecto Abalar

Para rematar a mañá o titular de educación da Xunta de Galicia estivo no IES Castro de Baronceli, no que foi recibido pola directora María del Carmen Fernández Cortes. Neste centro estanse a formar máis de 136 alumnas e alumnos en ESO e en PCPI de cociña; informática; mantemento de vehículos; e peiteado e servizos administrativos. Recentemente realizáronse obras para reforzar a estrutura e reparouse a cuberta. Este instituto tamén pertence ao proxecto Abalar e desenvolve un labor fundamental para os estudantes a través da súa biblioteca, que conta cun importante apoio por parte da Consellería

Ademais ao longo da mañá o conselleiro tamén visitou o colexio María Inmaculada, no que estudan 620 alumnas e alumnos de infantil a 4º de secundaria e que desde este ano conta co proxecto Abalar; e o colexio dos Pais Mercedarios

Con estas visitas o conselleiro continúa a demostrar a súa preocupación por coñecer a situación dos centros educativos galegos de primeira man e, ao mesmo tempo, poder conversar cos equipos do colexios e cos estudantes, que lles transmiten as súas necesidades e inquedanzas. Xa pola tarde Xesús Vázquez e Marisol Díaz desprazaranse ata Ourense para visitar o IES A Carballeira  xunto ao delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.