A Consellería de Educación ratifica ante o Ministerio a súa decisión de convocar oposicións de Infantil e Primaria

Ven, 18/02/2011 - 19:15

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ratificou na xuntanza celebrada esta mañá no Ministerio a súa decisión de convocar oposicións para acceder a prazas de mestres nas especialidades de Educación Infantil e Primaria. Unhas prazas que se incluirán dentro da oferta de emprego público da Xunta de Galicia, que probablemente se realizará no vindeiro mes de marzo. O obxectivo desta convocatoria é cubrir as necesidades do sistema educativo galego nunha etapa na que a matriculación está a aumentar.

No encontro celebrado en Madrid, o director de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, en representación da Consellería ratificou a decisión adoptada pola Xunta de Galicia sobre este particular. O número de prazas a convocar, sempre atendendo ás pautas impostas polo propio Ministerio de Educación, serán tratadas nunha vindeira mesa sectorial.

Cómpre sinalar que na reunión da comisión de Persoal da Conferencia sectorial, presidida- en nome do ministro de Educación- polos directores xerais Rosa Peñalver e Miguel Soler, estiveron presentes os directores xerais e responsables de persoal de todas as comunidades autónomas.

Na orde do día estaba incluído o análise do Real Decreto de especialidades docentes do Corpo de mestres e tamén foi analizada a oferta de prazas para profesores en 2011.

Xunto a Galicia outras nove comunidade comunicaron oficialmente que tamén convocaran prazas de profesores en 2011. Deste modo tamén queda confirmada este proceso en Andalucía, Aragón, Baleares, Cantabria, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Navarra e País Vasco. Pola súa banda Castela- A Mancha e Canarias confirmaron que non convocarán as oposicións. E pola súa banda Murcia, Castela León, Estremadura e A Rioxa aínda están estudando a súa decisión.