A Consellería de Educación apoia á Asociación de Amigos para Nenos de Altas Capacidades de Ourense na súa inauguración

A xefa territorial de educación na provincia, Marisol Díaz, valorou no acto a importancia de desenvolver as potencialidades destes rapaces

Mar, 15/02/2011 - 19:35

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, apoiou hoxe á Asociación de Amigos de Nenas e Nenos con Altas Capacidades (Anaco) na súa inauguración, celebrada no centro cívico Colón de Ourense.

A xefa territorial de Educación na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, representou á Consellería no acto, no que valorou a importancia desta asociación para acadar o desenvolvemento pleno das potencialidades destes rapaces

"Malia aos esforzos que se fai para mellorar día a día a atención á diversidade do alumnado galego -destacou- , aínda queda moito camiño para alcanzar a comprender todas as necesidades específicas do alumnado con altas capacidades".

A xefa territorial explicou que son as familias "quen mellor podedes axudar á Administración educativa a entender a estas alumnas e alumnos, as súas inquedanzas e a súa evolución; a identificalos para darlles unha atención axeitada". "Debemos apostar polo pleno desenvolvemento das capacidades deste alumnado, pero sempre no marco dunha integración co resto dos compañeiros", engadiu.

Deste xeito animou á asociación na súa andaina, para transmitir á sociedade as particularidades destes rapaces, co fin de obter o seu apoio nesta tarefa de educación das persoas con altas capacidades.

Anaco xurde da iniciativa de quince familias e ten como obxectivo responder ás demandas que xorden en torno aos seus fillos. Un traballo que levaran a cabo a través duna escola de pais e actividades específicas ás inquietudes que teñan os seus fillos.