Chegan a Galicia 5 novas auxiliares sénior, que reforzarán as competencias en linguas estranxeiras en colexios do rural

Esta segunda quenda de colaboradoras chega de EE.UU., Canadá, Reino Unido e Irlanda

Lun, 14/02/2011 - 16:49

O sistema educativo de Galicia conta a partir de hoxe con cinco novas auxiliares de conversa senior que, no marco do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, continuarán a reforzar as competencias lingüísticas en inglés, sobre todo as orais, do alumnado de 5 centros plurilingües do rural.

Representantes da Consellería de Educación recibiron no aeroporto de Lavacolla a estas colaboradoras, xunto aos coordinadores do programa plurilingüe e membros dos seus equipos directivos dos colexios nos que as auxiliares teñen destino, co fin de que teñan unha acollida adecuada e unha boa orientación para a súa integración escolar.

Chegadas desde EE.UU., Canadá, Reino Unido e Irlanda, as auxiliares colaborarán co profesorado do CEIP O Corgo e do IES Fontem Albei (A Fonsagrada) na provincia de Lugo; CEIP de Vilar de Barrio, na de Ourense; e CEIPs A Reigosa (Ponte Caldelas) e CEIP Outeiro das Penas (Redondela) na provincia pontevedresa.

Trátase da segunda quenda deste tipo de auxiliares que chega este curso a Galicia, tras o éxito da presenza dos senior nos devanditos centros plurilingües galegos no primeiro trimestre deste curso. Non en balde, o traballos destas auxiliares contribúe a unha formación de calidade en materia de competencias lingüísticas, abrindo unha canle intercultural con docentes e alumnado dos centros galegos. Ademais, esta colaboración pode redundar en novas iniciativas, futuras propostas e proxectos que partan desta fusión metodolóxica entre persoal de sistemas educativos distintos.