Política Lingüística convoca os primeiros cursos en liña dirixidos á formación en galego do persoal da Administración

Trátase de 13 cursos de linguaxe administrativa galega na modalidade de teleformación, que se complementan con outros 20 cursos presenciais

Dom, 13/02/2011 - 11:00

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), vén de convocar cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da Administración pública de Galicia.

Esta oferta de formación, que pretende reforzar a capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, inclúe, por vez primeira, cursos de linguaxe administrativa galega en liña. Trátase dun total de 13 edicións do nivel medio, que se complementan con outras 4 edicións de modalidade presencial. Ademais, para o nivel superior, a convocatoria inclúe 16 cursos presenciais de linguaxe administrativa galega.

Todos os cursos terán unha duración de 75 horas. Na modalidade de teleformación, o alumnado deberá superar unha proba escrita e outra oral finais, de carácter presencial, que terán lugar nas dependencias da EGAP. O número de prazas por curso será de 30, tanto para a modalidade presencial como para a modalidade de teleformación e o prazo de presentación de solicitudes remata o día 22 deste mes.

A formación en liña constitúe unha aposta decidida do departamento que dirixe Anxo Lorenzo para darlle facilidades ao amplo sector da poboación adulta que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego. Ao mesmo tempo, búscase aproveitar as vantaxes das tecnoloxías para acadar fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados formativos satisfactorios e adaptados ás novas necesidades da sociedade. En 2010, a Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou este sistema de formación virtual con catro cursos do Celga 1.

Probas 2011 para a obtención dos certificados oficiais de coñecemento de galego

Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar as probas de 2011 para a obtención dos certificados oficiais acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4. Durante este ano realizaranse dúas convocatorias. A primeira delas terá lugar no mes de xuño, para Galicia, o resto do Estado español e mais Europa. A segunda levarase a cabo en América no mes de outubro.

Na convocatoria de xuño, os exames Celga serán os días 18, 19, 25 e 26, para os niveis 4, 2, 3 e 1, respectivamente. Un total de nove países acollerán as probas desta convocatoria. En Galicia, realizaranse nas localidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. No resto do Estado español, as probas terán lugar en Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Murcia, Ponferrada (León), Salamanca, Vitoria e Alacante. Tamén se realizarán os exames Celga en Alemaña (Berlín, Heidelberg, Kiel, Tubinga e Leipzig), Francia (París), Irlanda (Cork), Italia (Padua e Roma), Polonia (Varsovia), Portugal (Braga, Lisboa e Faro), Reino Unido (Bangor, Birmingham e Oxford) e Croacia (Zadar).

A convocatoria de probas Celga para América terá lugar en outubro, en Arxentina (Bos Aires), Brasil (Río de Xaneiro, Salvador de Baía e São Paulo) e Chile. O día 6 realizaranse os exames do Celga 4 e do Celga 2, mentres que o día 7 se levarán a cabo as probas dos niveis 1 e 3.

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

Menús News node R

Colectivo