Galicia lidera un proxecto educativo europeo para mellorar a atención á diversidade a través das TIC

A primeira reunión transnacional dos participantes desenvolveuse en Santiago de Compostela

Dom, 23/10/2016 - 11:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lidera o proxecto educativo europeo KA204 “GAMESP – Physical and virtual Games for Education and social Insertion of intellectually handicapped People”, no marco da presente convocatoria Erasmus+ 2016; unha iniciativa que ten como obxectivo contribuír a mellorar a atención á  diversidade a través da inserción social de alumnos e alumnas adultas con discapacidade intelectual por medio do uso das ferramentas TIC e de robótica á medida. A primeira reunión transnacional do proxecto celebrouse esta semana no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago de Compostela, e nela reuníronse os sete socios participantes, procedentes de cinco países diferentes.

Comunidade virtual

Ao abeiro desta iniciativa desenvolverase unha plataforma en liña e unha comunidade virtual na que as persoas adultas con discapacidade e educadores poidan xogar (realizando unidades de ensino) con ferramentas virtuais, así como interactuar con robots reais que teñan na casa ou no seu centro. Ademais, o proxecto quere involucrar os pais e nais nas actividades de ensino / aprendizaxe.

 A partir da plataforma, será posible controlar e programar un obxecto físico ou un robot virtual, robot que tamén se desenvolverá a través deste proxecto. En ambos os escenarios, o robot pode seguir as instrucións que os usuarios lle indiquen.

A plataforma tamén incluirá 10 unidades de ensino baseadas en xogos existentes e en xogos novos, que poden ser creados a partir de adaptación para alumnado adulto con discapacidade. Os xogos buscan traballar diferentes áreas, tales como a orientación, secuenciación, etc.

Este proxecto, financiado pola Unión Europea, dá resposta e complementa os plans e protocolos de atención a diversidade elaborados pola  Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.