Os escolares do CEIP Xesús Golmar estrearán centro á volta das vacacións de Semana Santa

Sáb, 12/02/2011 - 11:30

Os últimos retoques das obras do CEIP Xesús Golmar de Lalín, cun investimento de 5,4 millóns de euros, estarán rematadas o vindeiro 21 de marzo de acordo cun calendario acordado na recente visita entre o secretario xeral técnico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, e os concelleiros de Urbanismo e Educación en Lalín, Román Rodríguez e Manuel Gómez, respectivamente.

Na devandita xuntanza abordouse o plan para proceder ao traslado do vello ao novo colexio, operación que se desenvolverá na Semana Santa, aproveitando que o centro estará baleiro. Neses días trasladaráse o comedor, o mobiliario, equipamento, libros etc. de tal xeito que os alumnos marcharán de vacacións abandonando o vello colexio e incorporándose, á volta das mesmas, ás novas instalacións.

O edificio principal do novo centro disporá de 12 aulas de educación infantil e 18 de primaria. O conxunto da obra consiste na construción de tres volumes conectados entre si, o principal composto de planta semisoto, baixa e dúas alturas nas que se organizan a maioría dos espazos educativos do programa de necesidades; e os outros dous volumes dunha planta cada un, onde se situarán os patios de xogos que complementan a zona de infantil e o ximnasio. Son case 5.000 metros cadrados aos que hai que engadir un edifico anexo para ximnasio, cunha superficie de 432 metros cadrados, e outros 305 metros de espazos exteriores cubertos.