O conselleiro de Educación anuncia a convocatoria de prazas para mestres de Educación Infantil e Primaria

Xesús Vázquez Abad explicou nunha visita ao IES Camilo José Cela, en Padrón que a oferta pública de emprego realizarase no primeiro trimestre do ano

Ven, 11/02/2011 - 14:31
m
O consellerio visita o IES Camilo José Cela

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe a convocatoria de oposicións para acceder a prazas de mestres nas especialidades de Educación Infantil e Primaria. Estas prazas incluiranse na oferta de emprego público que se realizará probablemente no vindeiro mes de marzo. O obxectivo desta convocatoria é cubrir as necesidades do sistema educativo galego nunha etapa na que a matriculación está a aumentar.

Xesús Vázquez Abad fixo este anuncio no IES Camilo José Cela, de Padrón, no que estivo hoxe dentro do marco das visitas que está a realizar a diferentes centros educativos de Galicia para coñecer en primeira persoa, acompañado polo equipo directivo e docentes do centro, as súas características e necesidades en particular. Así, Vázquez Abad lembrou que no 2010 a Consellería realizou melloras neste instituto, co fin de velar polo axeitado funcionamento cotiá das súas instalacións.

Bibliotecas e seccións bilingües

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, que estivo acompañado na súa visita polo director xeral de Centros e Recursos Humanos José Manuel Pinal; comprobou neste instituto, no que estudan 267 alumnas e alumnos, o funcionamento dos distintos programas para o fomento da lectura que se están a desenvolver ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación. No marco deste programa, O IES Camilo José Cela recibiu 5.600 euros entre os cursos 2009/2010 e 2010/2011 para a posta en marcha de iniciativas para animar aos estudantes a ler nos seus momentos de ocio.

Ademais, o conselleiro interesouse polo desenvolvemento das clases nas seccións bilingües que están a funcionar nos cursos de 3º e 4º da ESO, nas materias de cultura Clásica e Bioloxía e Xeoloxía. Estas seccións bilingües supoñen, tal e como explicou o conselleiro, unha oportunidade para o alumnado de mellorar as súas competencias en lingua inglesa, o que redunda nunha formación máis completa e de calidade de cara ás esixencias da sociedade actual. Co fin de servir de apoio ao profesorado destas materias, o instituto conta cunha auxiliar de conversa estadounidense. Entre as súas tarefas están as de asistir aos docentes na aula como apoio lingüístico, así como fomentar o interese do alumando pola lingua e cultura dos países de fala inglesa.