O mellor da banda deseñada en galego chega a Lalín da man do programa de dinamización lingüística Bocaberta

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o tenente de alcalde de Lalín, Román Rodríguez, presentaron o obradoiro de cómic Galimatías

Xov, 10/02/2011 - 19:05
Bocaberta
O mellor da banda deseñada en galego chega a Lalín da man do programa de dinamización lingüística Bocaberta

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou hoxe en Lalín os obradoiros Galimatías, unha actividade encadrada no programa de dinamización lingüística Bocaberta que lles brinda aos máis novos a oportunidade de descubrir os trucos do oficio de debuxante.

Durante o acto de presentación, no que estivo acompañado polo tenente de alcalde de Lalín, Román Rodríguez, e pola editora de El Patito Editorial, Gemma Sesar, Anxo Lorenzo incidiu en Bocaberta como “un programa co que a secretaría xeral busca promover unha imaxe positiva da lingua galega e sensibilizar sobre a utilidade e o valor do idioma propio de Galicia”. Así mesmo, o secretario xeral recordou que, desde o pasado mes de outubro, Bocaberta percorreu arredor de 200 concellos galegos con máis de 400 actividades deseñadas para fomentar o uso da lingua entre os rapaces e rapazas de entre 3 e 18 anos.

Cómic en galego: os obradoiros e a revista Galimatías

Galimatías é unha actividade que a secretaría xeral ten en marcha en colaboración con El Patito Editorial. Unha parte da actividade confórmana os obradoiros de banda deseñada dirixidos a mozos e mozas de 13 a 18 anos e impartidos polo recoñecido debuxante Fran Bueno, autor de series como “Amor inmortal” e “Causas nobres”. Cada obradoiro consta dunha charla, con proxección de vídeo e debuxos, na que se mostran pequenos trucos e claves para poder darlles forma ás historietas desde o guión ao debuxo e a cor.

Os rapaces e rapazas terán ocasión mañá de coñecer as principais técnicas do cómic, a partir das 18:00 horas, no Auditorio Municipal do concello de Lalín, grazas ao programa de dinamización lingüística Bocaberta.

Os obradoiros Galimatías van da man da publicación do mesmo nome, unha revista xuvenil de banda deseñada protagonizada por dous adolescentes, Gal e Matías. A publicación, de periodicidade quincenal, distribúese gratuitamente con El Correo Gallego e ten a súa próxima cita cos quioscos mañá venres. Ademais, a proposta conta cun blog, o do Universo Galimatías, no que, ademais de profundar nos contidos da revista, se recollen as novidades do mundo do cómic en Galicia e no exterior.

Preto de 800 actividades en todos os concellos

Ademais destas iniciativas de banda deseñada, o programa Bocaberta 2010-2011 abrangue outras moitas temáticas, como a música pop, a maxia, as novas tecnoloxías, os monicreques, a animación á lectura ou a expresión oral. En total, 747 actividades realizadas en colaboración con 14 entidades coas este programa de dinamización lingüística percorrerá todos os concellos de Galicia ata o próximo mes de maio.

Menús News node R