Educación, universidades e CIUG comezan a abordar a organización da avaliación final de bacharelato

Román Rodríguez presidiu a reunión, onde se avaliaron algunhas das cuestións técnicas da realización da proba e os trámites de competencia autonómica

O obxectivo é que todos os organismos implicados traballen xuntos, co fin de xerar tranquilidade ás familias e ao alumnado

Ven, 14/10/2016 - 19:12
Educación, universidades e CIUG comezan a abordar a organización da avaliación final de bacharelato

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os vicerreitores das tres universidades galegas e mais os representantes da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) mantiveron hoxe unha reunión de traballo para comezar a abordar, dentro das competencias autonómicas, a organización material da avaliación final de Bacharelato. A xuntanza, á que tamén asistiron directores e subdirectores da Dirección Xeral de Educación e da Secretaría Xeral de Universidades, estivo presidida polo conselleiro en funcións, Román Rodríguez.

Á espera de que o Ministerio publique a orde elaborada a raíz da liña de diálogo e acordo establecida coa Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), o departamento educativo da Xunta de Galicia, as Universidades e a CIUG acordaron iniciar as conversas para estudar, de xeito conxunto e coordinado, a mecánica e as cuestións técnicas da realización da proba, partindo da base de que a dita avaliación será semellante ás antigas PAU.

Traballo conxunto e coordinado

Neste contexto, a estratexia a seguir pasa, tal e como transmitiu Román Rodríguez, por traballar todos xuntos en prol do interese xeral das familias e do alumnado. Neste sentido, é preciso xerar un clima de tranquilidade e certezas, fronte a certas actitudes irresponsables que provocan confusión entre a comunidade educativa.

Así mesmo, e co fin de seguir avanzando nesta liña de diálogo, os asistentes citáronse para unha vindeira reunión dentro de 15 días, na que se prevé examinar xa o borrador de orde autonómica que actualizará as condicións da proba á nova normativa estatal.