A Consellería de Educación apoia a xornada “As ensinanzas superiores de música e artes escénicas no EEES: situación e perspectiva” celebrada en Santiago

O director xeral de Educación sinalou durante o acto inaugural que “para as ensinanzas artísticas superiores é necesaria unha estrutura que defina a súa organización e funcionamento”

Xov, 10/02/2011 - 17:58

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria apoiou hoxe a celebración da xornada “As ensinanzas superiores de música e artes escénicas no EEES: situación e perspectiva”, celebra en Santiago e que contou coa presenza de 100 asistentes que coparon o aforo do Consello da Cultura Galega.

Durante o acto inaugural estiveron presentes o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o coordinador da sección de Música e Artes escénicas, Maximino Zumalave, e o director de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira.

Durante a súa intervención o director xeral destacou que “para as ensinanzas artísticas superiores a necesidade de estrutura, de organización, de sistematización lexislativa é, por razóns históricas, máis perentoria que noutros ámbitos educativos. Se ademais pensamos nunha converxencia real coa Unión Europea, a necesidade de normalización é decididamente urxente. Por isto, quero transmitirvos que este encontro non é máis que o principio dun traballo que espero resulte construtivo para o obxectivo que todos perseguimos: situar as ensinanzas artísticas superiores no lugar que lles corresponde co obxectivo de conseguir para o alumnado o maior grao de especialización posible”

O encontro

Nesta xornada de debate tratarase a situación destas ensinanzas encamiñadas á formación de profesionais cunha importante presenza no eido cultural. Cómpre destacar que a aplicación das directrices xurdidas do proceso de Converxencia das ensinanzas superiores no espazo europeo (EEES), coñecido como “proceso Bolonia”, provocou un xiro na deriva das ensinanzas superiores de musica e artes escénicas. Isto obrigou a definir as condiciones de inserción destas ensinanzas no nivel superior no que se encadran, xunto coas ensinanzas universitarias e outras.

Tras o acto inaugural dará comezo cunha intervención de Alberto Veintimilla Bonet, doutor en Musicoloxía e director do Conservatorio Superior de Música do Principado de Asturias; que falará do “Desenvolvemento dos novos plans de estudos e os centros de ensinanzas artísticas: estrutura e obxectivos”: Posteriormente participará Ángel Martínez Roger, doutor en Historia da Arte e director da Real Escola Superior de Arte Dramático, de Madrid, que tratará a ensinanza da arte dramática no EEES, boas prácticas e empleabilidade.

A xornada rematará coa intervención dos autores de ambos relatorios que xunto con Juan Durán, subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente da Consellería de Educación, participaran nunha mesa redonda co obxectivo de reflexionar e crear un debate crítico sobre a necesidade de definir un modelo de xestión destas ensinanzas, e sobre “a folla de ruta” de deberían seguir para lograr unha normalización exitosa.

Menús News node R