A Consellería avaliará a petición de traslado de centro realizada hoxe polos proxenitores da estudante do CEIP de Arteixo

A primeira hora da mañá o inspector xefe de Educación recibiu aos pais da menor que lle entregaron a documentación precisa para o traslado

Xov, 10/02/2011 - 13:50

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a avaliar a petición de traslado de centro realizada a primeira hora da mañá polos pais da menor do CEIP de Arteixo. Deste modo o inspector xefe de Educación da delegación da Coruña, recibiu a solicitude dos proxenitores de que a súa filla sexa trasladada ao CEIP Ponte dos Brozos.

Tras este encontro os responsables de Educación comezaron a analizar, xunto aos directores dos centros afectados, a situación e a posible resposta para a solicitude, sempre tendo en conta a dispoñibilidade de prazas do CEIP Ponte dos Brozos.

A Consellería de Educación recorda que respecta e apoia as decisións tomadas polos consellos escolares dos centros educativos que en base a súa autonomía elaboran e aproban os seus regulamentos internos. Para a Consellería respectar as normas polas que os centros se auto-regulan significa garantir o principio de autonomía educativa.

No relativo ao CEIP de Arteixo, a Consellería recorda que as medidas que se tomen no centro educativo irán acordes co seu regulamento interno e que esta apoiado polo Consello Escolar- no que están representados os estamentos do centro - e pola ANPA. Estas normas foron aprobadas a comezo de curso e polo tanto todos os estudantes es os seus pais e nais eran coñecedores do regulamento co que tiñan que cumprir.