Os bebés e as súas familias teñen unha nova cita coas cantigas, a música, o teatro e os xogos dos Axóuxeres

O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística visita hoxe os concellos coruñeses de Muros (12:00 horas) e de Santa Comba (18:30 horas)

Sáb, 05/02/2011 - 15:01
Axóuxeres
Os bebés e as súas familias teñen unha nova cita coas cantigas, a música, o teatro e os xogos dos Axóuxeres

Os Axóuxeres 2010-2011 proseguen o seu percorrido polas catro provincias galegas para facer gozar os bebés e as súas familias coas cantigas, a música, o teatro e os xogos en galego. As novas paradas dos Encontros dos Axóuxeres terán lugar hoxe nos concellos coruñeses de Muros e de Santa Comba.

O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que pretende favorecer  a transmisión lingüística do galego no seo da familia, visita a Aula de Danza San Xosé de Muros ás 12:00 horas, mentres que pola tarde parará no Edificio Multiusos de Santa Comba ás 18:30 horas.

Os Encontros dos Axóuxeres son espectáculos participativos para os bebés e as súas familias dunha hora de duración que conxugan a música, as cantigas tradicionais, os xogos e o teatro nun espectáculo moi especial. Nel, unha nena, Eli, axúdalle ao seu avó, interpretado polo coñecido actor Xosé Manuel Olveira, Pico, a atopar o caderno no que este garda os contos, os xogos e as cantigas que o facían feliz cando era neno. Para atopalo, os dous contarán coa axuda de Totó, un boneco azul que está aprendendo a falar.

A entrada aos Encontros dos Axóuxeres é de balde, con reserva previa ata completar capacidade. As persoas interesadas en participar nos próximos Encontros poden realizar as súas reservas no teléfono 686 160 879, de luns a venres de 9:00 a 16:00 horas.

A festa continúa nos Obradoiros dos Axóuxeres

Os Encontros dos Axóuxeres iniciaron os seu percorrido a pasada fin de semana en Arteixo e mais en Miño. Hoxe visitan Muros e Santa Comba, e nas próximas semanas percorrerán os concellos de Tui, A Cañiza, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Verín, San Cibrao das Viñas, Foz e Vilalba.

Estas mesmas localidades serán escenario doutra das propostas deste programa, os Obradoiros dos Axóuxeres, que xuntan cantos de arrolo tradicionais, técnicas de masaxes para os bebés e xogos de iniciación para axudarlles aos pais e nais a crear un maior vínculo co seu fillo nesta primeira etapa e, ao mesmo tempo, favorecer a incorporación do galego á comunicación entre os bebés e as familias.

Os Obradoiros dos Axóuxeres botan a andar a próxima semana. Farano en Arteixo os días 11 e 12 de febreiro (con dúas sesións diarias, ás 17:30 e ás 19:00 horas) e mais en Miño o día 13 de febreiro (ás 18:00 horas). A partir do luns 7 de febreiro ábrase o prazo de inscrición para participar nos Obradoiros destas dúas localidades. Os interesados poden chamar ao 630 230 338 para realizar as súas reservas.

O calendario con toda a información sobre as próximas paradas dos Axóuxeres 2010-2011 poden consultarse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, (http://www.xunta.es/linguagalega/axouxeres) e nas redes sociais a través dos enderezos   www.facebook.com/axouxeres e http://twitter.com/OsAxouxeres

Menús News node R