O programa Bocaberta chega ás 400 actividades nunha semana cargada de maxia e de música en galego para os máis novos

A iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolveu 400 accións en preto de 200 concellos desde o pasado mes de outubro

Lun, 07/02/2011 - 16:51
O programa Bocaberta inclúe concertos de The Homens por toda Galicia
O programa Bocaberta inclúe concertos de The Homens por toda Galicia

Bocaberta 2010-2011, o programa de dinamización do uso do galego que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística para os mozos e mozas de 3 a 18 anos, acada hoxe 400 actividades realizadas desde o seu inicio, o pasado mes de outubro. Esta iniciativa, que busca favorecer o uso do galego entre as franxas de idade máis novas, visitou nestes catro meses preto de 200 concellos e esta semana continúa ofrecendo o mellor da maxia, da música e da banda deseñada en galego nas catro provincias.

Nos próximos días, a maxia será unha das temáticas destacadas. É neste rexistro no que se enmarca Abrapalabra, o espectáculo no que o ilusionista Carlos Coira lles mostra os seus trucos aos máis pequenos para facelos gozar coa maxia das palabras. Esta proposta está hoxe en Crecente e Padrenda; mañá parará en Cortegada e Gomesende; e o mércores viaxará ata Ramirás e Cartelle.

Tamén máxica é a experiencia que propón Atrapado na torre, unha acción na que Chrystian Magic lles conta aos nenos e nenas como, a través do esforzo, se converteu en prestidixitador profesional. Esta actividade estará o sábado na Pobra do Caramiñal e en Porto do Son.

Por outra banda, a poesía é o eixo sobre o que gravita Señor Mundo, dígame?, unha das actividades con maior axenda nos próximos días. A través de divertidos poemas e dun recital de poesía tola, a actividade fará gozar os nenos e nenas de Camariñas e Muxía o martes; e, o xoves, os de Val do Dubra e Ordes.

A lingua galega a través da música infantil

Os pequerrechos teñen máis citas contra a fin de semana, centradas desta vez na música. O espectáculo do grupo Mamá Cabra, Ola, ola, la!, estará o sábado en Pontevedra e o domingo en Ferrol. En Pontevedra, poderanse recoller as entradas unha hora antes na billeteira; en Ferrol, os interesados en participar deberán realizar as súas reservas no teléfono 981 944 245, de martes a sábado en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas.

En clave de conto é outra das propostas musicais para os máis pequenos da casa. Baseada no libro A nena e o grilo, a actividade levará o sábado un obradoiro a Burela e porá en escena todo o mellor do seu espectáculo o mesmo día en Teo.

Finalmente, os nenos e nenas poderán achegarse á música tradicional, aos trabalinguas e aos xogos populares da man de Canta música!, que visitará Ourense o sábado.

Pop e banda deseñada para os adolescentes

Os adolescentes tamén terán unha actividade centrada na música. En Detrás da canción, os grupos Projecto Mourente e The Homens encárganse, respectivamente, dun curso de composición, gravación e edición de música caseira e dun concerto acústico. A actividade viaxará o venres ata Vilagarcía de Arousa, o sábado estará en Boiro e o domingo parará en Muros.

Finalmente, os rapaces e rapazas dos 13 aos 18 anos poderán coñecer as mellores técnicas para realizar un cómic da man do recoñecido debuxante Fran Bueno, no marco do obradoiro de Galimatías.

Máis información na rede

Toda a información sobre os horarios e localizacións de Bocaberta para os próximos días está accesible no boletín semanal do programa, a través do enderezo electrónico http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta, así como nas principais redes sociais de internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Un percorrido por todos os concellos de Galicia

Bocaberta 2010-2011 é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas de 3 a 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as tecnoloxías da información e da comunicación centran as iniciativas deste programa.

Menús News node R