A Consellería de Educación entrega os premios á innovación educativa a profesores de ensino non universitario

Entregáronse 30 galardóns, que recoñecen as experiencias novidosas que se están a desenvolver nos centros educativos galegos

Lun, 07/02/2011 - 14:35

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo hoxe entrega dos premios á Innovación Educativa para o profesorado de centros educativos non universitarios. Durante o acto Vázquez Abad estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira; e polo subdirector xeral do mesmo departamento, Manuel Vila López.

Ao acto asistiron ademais o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Diego Calvo; a xefa territorial de Educación na Coruña, María Teresa Villaverde Pais; e os xefes territoriais da Consellería nas provincias de Lugo e Pontevedra, José Jesús Ramos Ledo e César Pérez Ares, respectivamente.

En total concedéronse 30 galardóns aos proxectos seleccionados entre os 71 que foron presentados por docentes das etapas de infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato. Este ano a Consellería de Educación, no marco da súa aposta pola calidade do ensino, incrementou o número de premios, que foron dos 3.000 aos 6.000 euros.

No acto, celebrado en San Caetano, Vázquez Abad destacou que o esforzo dos premiados para o desenvolvemento da innovación pedagóxica “é unha actitude ética perante a vida que serve de exemplo para todos cantos traballamos en corpo e alma a prol da excelencia educativa”. “No voso traballo recoñecemos hoxe - engadiu- o esforzo dos nosos educadores, a entrega incondicional a un labor que é vital para a formación dos cidadáns que han encarreirar o porvir da nosa sociedade nas próximas décadas”.

O conselleiro explicou que estas iniciativas demostran “que avanzamos na defensa da eficacia do sistema educativo como pedra angular do benestar social e das políticas de progreso económico e cultural”. Así, destacou o  apoio da Consellería de Educación a estas iniciativas, co fin de que acadar a consolidación da mentalidade innovadora “converténdose nunha práctica cotián e institucionalizada que fará das nosas aulas viveiros da intelixencia, pancas de progreso e impulsos de transformación social”. “Coa achega do voso esforzo, nada, mesmo os efectos máis nocivos da crise económica, nada impedirá a transformación de Galicia nunha sociedade moderna, valente, e competitiva”, concluíu.

Experiencias innovadoras

A convocatoria dos premios deste ano centrouse nos proxectos relacionados co fomento do plurilingüismo e a potenciación das linguas estranxeiras; nos referidos ao uso da tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e a introdución das competencias básicas na aula dixital; e nos relacionados coa atención á diversidade e aos materiais e ferramentas de reforzo educativo que favorezan a accesibilidade ao currículo do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Con estes premios á innovación educativa a Consellería de Educación valora as experiencias innovadoras que se están a desenvolver nos centros educativos galegos e que supoñen unha mellora da calidade do ensino.

Os gañadores poden consultarse na resolcuión do DOG do 28 de decembro de 2010, no enlace: http://www.xunta.es/dog/Dog2010.nsf/0e5fb445f3681a75c1257251004b10d7/ae45ebf9d752e040c1257806005a7680/$FILE/24800D011P058.PDF