A Consellería recibe máis de 1.700 solicitudes para as axudas complementarias do programa universitario de Erasmus

Os beneficiarios, que se darán a coñecer a finais de mes, serán os alumnos e alumnas das universidades galegas que participan dentro do programa de mobilidade

Dom, 06/02/2011 - 12:36

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de pechar a convocatoria de axudas para os alumnos e alumnas matriculados nas universidades galegas e que estean a estudar fóra de España dentro do Programa Erasmus ou do Goberno de Suíza.

Unhas axudas que este ano interesaron a 1.726 estudantes, un 27,8% máis que no 2010, o que supón un rexistro histórico desde a creación desta convocatoria. No presente ano a dotación total para estas axudas ascende a 1.115.366 euros. Unha partida superior á do ano pasado, o que demostra o interese por cubrir as necesidades dos estudantes a pesares da grave crise económica.

Con esta convocatoria a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación volveu a demostrar o seu compromiso cunha política de asistencia económica aos estudantes, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A Consellería e consciente da importancia da mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Por iso se realiza esta convocatoria de axudas de mobilidade universitaria primando a excelencia no rendemento académico que complemente o financiamento das axudas achegadas pola Unión Europea no marco do Programa de aprendizaxe permanente.

Os beneficiarios

As bolsas van destinadas aos estudantes das universidade públicas galegas ou dos centros asociados da UNED da comunidade que realizan estudos oficiais conducentes a títulos de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico. Poderán optar aqueles que estean un mínimo de tres meses no país seleccionado.

Como accións complementarias que son cobren un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio.

As bolsas terán un dobre reparto, por tramos de duración da estadía no estranxeiro e polas notas medias obtidas nos estudos cursados. Os alumnos e alumnas que estean un trimestre poderán percibir 180 euros, os que permanezan un semestre 350 euros, e para o curso completo a bolsa é de 540 euros. A esta contía poderán sumar a que se da polas notas obtidas, que vai dende os 200 euros ata os 1.500.

As listas de admitidos

O 23 de febreiro as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas serán expostas na Consellería de Educación, nas xefaturas territoriais, e vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas, sinalando as causas de exclusión. As listas tamén poderán ser consultadas na dirección web: www.edu.xunta.es/.

Cómpre recordar que no 2010 repartíronse 1.290 axudas entre os estudantes galegos, sendo 352 da Universidade da Coruña; 414 de Santiago de Compostela; 522 de Vigo, e 2 dos centros asociados da UNED en Galicia. Deste xeito as alumnas e alumnos que maioritariamente estaban a desenvolver os seus estudos en Italia, Portugal, Francia, Alemanía e Polonía percibiron unha axuda para os seus gastos correntes no país de destino. Este ano está previsto repartir preto de 1.700 axudas entre os estudantes universitarios galegos.