Educación e as Universidades galegas deseñan accións para mellorar o seu posicionamento nos ránkings internacionais

O conselleiro Román Rodríguez e os reitores da USC, da UDC e da UVigo, mantiveron unha reunión de traballo para implementar medidas concretas cara a situarse nos indicadores de prestixio

Un dos obxectivos é involucrar a premios Nobel e medallas Fields para que participen na docencia, na dirección de teses e en proxectos de investigación, entre outros

Tamén asinaron un convenio polo cal a Consellería destina 540.000 euros ás tres universidades para ordenar e consolidar a súa actividade investigadora garantindo a estabilidade das súas estruturas de investigación, optimizando os recursos e evitando duplicidades

Así mesmo, os investigadores máis excelentes recibirán un apoio complementario -dotado con 525.000 euros- para crear e consolidar as súas propias liñas de traballo

Ven, 16/09/2016 - 15:28

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos reitores das universidades de Santiago, Juan Viaño; da Coruña, Julio Abalde; e de Vigo, Salustiano Mato; para avanzar na mellora do posicionamento do Sistema Universitario Galego (SUG) nos ránkings de prestixio a nivel internacional e para avanzar no deseño de accións específicas que contribúan a unha xestión eficiente das súas estruturas de investigación.

Mellora nos ránkings internacionais

Na xuntanza de hoxe, a Consellería e mailos tres reitores coincidiron na posta en marcha de accións encamiñadas á mellora da posición do SUG nos ránkings internacionais. O obxectivo é definir accións que melloren a situación das nosas universidades nun ou en varios listados de prestixio. Para tal fin establecerase o tipo de acción, o indicador afectado, o criterio a mellorar, a súa ponderación no ránking, e a mellora prevista nos vindeiros catro anos, xunto coa estimación do importe financeiro necesario.

Unha das liñas de traballo abordadas é a atracción de premios Nobel e medallas Fields aos claustros das universidades galegas para a docencia de graos, postgraos e master, así como para dirixir teses e participar en proxectos de investigación.

Trátase de que as universidades se convertan en elementos tractores da formación e da excelencia e que o coñecemento xerado repercuta no conxunto da sociedade.

A falta de definir o marco de xeito pormenorizado, as universidades poderán presentar propostas concretas que serán analizadas para determinar o seu encaixe nos obxectivos marcados así como o reparto de créditos.

A contía inicial prevista para esta iniciativa -que deberá concretarse nun convenio específico- é de un millón de euros (tal como se recolle no actual Plan de Financiamento)  e, para o exercicio 2107, a proposta é financiar ata un máximo de dúas accións para cada universidade.

Impulso eficiente das estruturas de investigación

Así mesmo, coa finalidade de impulsar de forma eficiente as súas estruturas de investigación e que isto permita intensificar a actividade investigadora, e aumentar a produtividade científica, o conselleiro e mailos tres reitores asinaron un convenio de colaboración, dotado con 540.000 euros a razón de 180.000 euros por Universidade.

O obxecto deste convenio  é o de acadar a ordenación, estruturación e potenciación das ferramentas de investigación coas que conta o SUG e, deste xeito, asegurar a súa estabilidade, optimizar a utilización de recursos e evitar a duplicidade de infraestruturas.

Para tal fin, co apoio da Consellería, as tres universidades deberán elaborar un mapa das estruturas científico-tecnolóxicas e da oferta de servizos asociados cos que contan; identificar as novas agrupacións estratéxicas; e elaborar un plan de reforzo de liderado científico.

Toda esta información permitirá deseñar e planificar un modelo de organización e funcionamento común que optimice os recursos existentes, definir un marco estratéxico de accións específicas e prioritarias, identificar e aproveitar as fortalezas do sistema público de I+D en Galicia e detectar ámbitos de investigación con un elevado potencial de aplicación en sectores e tecnoloxías claves para a nosa economía.

Axudas a investigadores Starting Grants

Doutra banda, tamén se formalizou o convenio coas universidades de Santiago e de Vigo a través do cal a Consellería realizará unha achega complementaria de 525.000 euros, que se suman aos outorgados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), para que os  tres investigadores principais (dous da USC e un da UVigo) que acaban de incorporarse a unha axuda do programa Starting Grants (StG) en Galicia, poidan crear ou consolidar o seu propio equipo ou programa de investigación na comunidade autónoma. Trátase de axudas a longo prazo -cunha duración de ata cinco anos- co obxectivo de potenciar proxectos pioneiros e innovadores nos diferentes campos de actuación dos investigadores recoñecidos a nivel internacional.

Coa incorporación destes tres científicos, no SUG desenvolven actualmente a súa actividade once investigadores premiados polo ERC. Na Universidade de Santiago están traballando seis Starting Grants e un Advanced Grants; na Universidade de Vigo un Starting Grants e un Consolidator Grants; e na Universidade da Coruña dous Starting Grants.

O Consello Europeo de Investigación potencia a creación de equipos de excelencia coa concesión de subvencións ao programa Starting Grants destinadas ao persoal investigador, con entre dous e sete anos de experiencia desde a finalización do doutorado. No caso de Galicia son tres os investigadores principais seleccionados nesta convocatoria que financia os seus proxectos con case 4,2 millóns de euros. 

A investigación universitaria como motor do desenvolvemento de Galicia

Todas estas accións responden a unha das liñas estratéxicas do Goberno galego que é a de reforzar a investigación como motor do crecemento e do desenvolvemento económico e social de Galicia.

Trátase de apostar pola concentración de recursos e de esforzos naqueles puntos fortes da noso sistema universitario, para que exerzan de potencial de arrastre a todos os niveis, xa que a investigación repercute directamente na mellora da capacidade dos nosos sectores produtivos, na xeración de máis e mellores oportunidades no ámbito do emprego, na mellora da competitividade e no liderado internacional e, en definitiva, no avance do conxunto da sociedade