Valentín García asiste na Coruña ao concerto de presentación do disco ‘Son de Nós’

A Consellería de Cultura apoia este traballo discográfico de 2naFronteira, no marco das iniciativas postas en marcha desde a Xunta para conmemorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala na cidade herculina en 1916

Xov, 15/09/2016 - 21:30

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este serán no coruñés Teatro Colón ao concerto de presentación do disco ‘Son de Nós. Homenaxe á revista Nós e ás Irmandades da Fala’. A Consellería de Cultura, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, apoia este traballo discográfico de 2naFronteira, no marco das iniciativas postas en marcha desde a Xunta de Galicia durante este ano para conmemorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala na cidade herculina no ano 1916.

Nel, Carmen Penim (voz) e Maurizio polisineli (piano e harmonio), acompañados por Carmen Gallego (nyckelharpa e violín), Miguel Paz (batería e percusións) e Pablo Rodríguez (guitarra española) musican poemas da autoría das Irmandades da Fala publicados orixinalmente na revista Nós.

Pezas de Blanco Amor, Otero Pedrayo, Luís Bernárdez, Bouza Brey ou Francisca Herrera conforman un repertorio de trece temas de instrumentalización tradicional, entre os que se atopan ‘Pra facer un feitizo’, ‘Gándara’, ‘Torre do Oeste’ ou ‘Na cova de Rosalía’, cos que a formación musical lle rende tributo ás Irmandades da Fala e á revista Nós.

Menús News node R