O conselleiro de Educación fixo entrega das bolsas de axudas para estudantes da fundación Ventura Figueroa

Entre os 27 gañadores, familiares do fundador, repartíronse máis de 46.000 euros en becas de distintas contías

Lun, 31/01/2011 - 19:31
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo hoxe entrega das bolsas a estudantes da Fundación Ventura Figueroa

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo hoxe entrega das bolsas a estudantes da Fundación Ventura Figueroa. En total 27 universitarios beneficiáronse das axudas, cun valor total de 46.800 euros.

Durante o acto, no que foron concedidas as axudas, estiveron presentes o secretario xeral da Consellería de Educación; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long. Xunto a eles tamén estiveron presentes os representantes do Padroado Ventura Figueroa.

Ao longo da súa intervención Vázquez Abad destacou a importancia da Ventura Figueroa, “a Fundación máis antiga de España, unha das máis veteranas do mundo, con 227 anos de existencia”; e amosou a súa satisfacción por que, malia ao paso do tempo “o figueroismo segue a indicarnos, nestes tempos de crise e de recesión económica, que o camiño é a confianza na nosa xuventude universitaria, nas ideas e na formación”.

Neste sentido, o conselleiro felicitou aos premiados e invitounos a continuar cos seus bos resultados. “Con todos vós, con traballo e con ilusión, conquistaremos o futuro”, rematou.

Contía das axudas

Nesta convocatoria déronse nove bolsas máis que en anteriores edicións. En total distribuíronse vinte e unha axudas de 1.300
euros cada unha, para inicio ou continuación de estudos de grao, licenciatura, arquitecto, diplomado, mestres, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico; ademais de tres bolsas de 2.600 euros, cada unha, para continuar os estudos universitarios de terceiro ciclo ou os estudos oficiais de máster. A última partida foron tres bolsas, de 3.900 euros cada unha, para os estudos conducentes ao título de doutor.

Os beneficiarios

No momento de conceder as bolsas tivéronse en conta a situación económica dos solicitantes, a súa traxectoria académica e o grao de parentesco co fundador. Así, e atendendo á actual situación de crise, deuse unha maior preferencia no acceso ás axudas aos solicitantes que presenten máis dificultades económicas.

A fundación

Con esta resolución consolidase o labor da Fundación Ventura Figueroa, centrado na actividade benéfica. A entidade, a máis antiga de Europa, foi fundada polos herdeiros de don Manuel Ventura Figueroa, figura destacada na historia de España durante o século XVII, época na que foi patriarca das Indias, arcebispo de Laodicea e gobernador do Consello e Cámara de Castilla.

Menús News node R

Departamento

Colectivo

Ensinanza