O conselleiro de Educación visitou á comunidade educativa do Centro de Educación Especial O Pino

Vázquez Abad destacou o apoio da Consellería á diversidade do alumnado galego

Lun, 31/01/2011 - 11:18

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe a mañá coa comunidade educativa do Centro de Educación Especial ‘O Pino’, de Ourense.

Con eles, o conselleiro puido comprobar as actividades diarias que desenvolven os 20 alumnas e alumnas deste centro. Ademais, Vázquez Abad puido observar o traballo realizado polo alumnado, coa axuda do seu profesorado e coidadores, nos talleres de carpintería, elaborando todo tipo de mobles.

Nesta visita o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez; e pola xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira; así como polo equipo directivo e persoal do centro.

Apoio á educación especial

Durante a súa visita o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a importancia de que todo o alumnado galego reciba unha atención acorde coas súas necesidades específicas e diversas. Neste sentido, o conselleiro reiterou o apoio de Educación aos centros de educación especial, e agradeceu o labor desenvolvido a diario polo profesorado e coidadores destes colexios. “Coa súa profesionalidade e co traballo que realizan co maior cariño conseguen sacar o mellor de cada un destes alumnos”, dixo.

Vázquez Abad lembrou ademais o compromiso da Consellería cos centros educativos ourensáns, nos que se investiu en 2010 máis de 5,4 millóns de euros en obras e equipamento, dos que máis de 7.600 euros se destinaron a melloras e pintura deste centro de educación especial O Pino.