A Xunta e o Concello de Lugo buscan solucións alternativas para a construción do novo CEIP Sagrado Corazón

O conselleiro de Cultura e Educación presentoulle hoxe á alcaldesa unha proposta para que sexa posible edificar o centro educativo nos terreos dos que dispón o Concello

O obxectivo é desbloquear a situación e comezar canto antes os trámites para que o novo colexio estea xa en obras en 2017

Ven, 02/09/2016 - 14:26

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, un encontro no que Xunta e Concello buscaron solucións alternativas para que a construción do novo CEIP Sagrado Corazón sexa unha obra en marcha xa no vindeiro ano 2017. O obxectivo desta reunión propositiva foi desbloquear a situación. Neste sentido ambas administracións teñen a disposición de atopar unha saída técnica viable que posibilite impulsar a construción do novo centro compaxinando os trámites urbanísticos que deberá realizar o Concello coa licitación do proxecto por parte da Consellería. De feito, por parte da Xunta xa se consignou en orzamento a cantidade de preto de 3 millóns de euros para a súa execución.

Cómpre lembrar que neste momento a construción do CEIP estaba bloqueada por non seren aptos urbanisticamente para a súa edificación os terreos que comezou a xestionar o Concello no 2013. Ademais a Consellería desbota a aplicación da 'Lei Citroën' por non ser axeitada neste caso, ao non encaixar nos supostos que contempla esta lei, tal e como se lle expuxo á alcaldesa. Neste sentido Román Rodríguez propúxolle a Lara Méndez como solución alternativa acometer a construción do edificio principal do centro nunha parte dos terreos que suma unha superficie de 6.282 m² e teñen a condición de Sistema Xeral de Equipamento. Na parte restante, e posto que non conta coas condicións necesarias para poder ser edificada para uso docente, edificaríanse un polideportivo cuberto, unha pista descuberta, patios e espazos libres do CEIP.

En calquera caso, o Concello tería que realizar as modificacións urbanísticas pertinentes para que sexa posible construír nesa segunda parte dos terreos.

Na reunión baralláronse varias posibles solucións técnico-urbanístico a desenvolver por parte do Concello neste sentido, como a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou a modificación do Plan Parcial. 

O Concello terá agora que avaliar a proposta da Consellería. En calquera caso o departamento educativo da Xunta agarda poder asinar no menor tempo posible un convenio coa Administración Local para acadar por fin unha solución para a comunidade educativa do CEIP Sagrado Corazón.